Gastronomía e moita música na axenda cultural de Ribadeo do 18 ao 22 de agosto. Desde o Concello animan a gozar destas propostas.

Intensa axenda cultural a que se desenvolverá desde hoxe, venres, e ata o 22 de agosto en Ribadeo. O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, anima a asistir a estas propostas nas que haberá moita música, gastronomía e teatro para os máis pequenos e pequenas. 

O edil nacionalista contou que “esta fin de semana volve no noso calendario cultural chea de actos. Hoxe venres, 18 de agosto, imos poder gozar da música de Mónica de Nut co seu concerto Raíces aéreas (con arpa e voz). Será no Cantón dos Moreno ás 20:30 horas. E coma sempre, se o tempo non acompaña, verémonos no Teatro”. 

Farruco Graña relatou que “o sábado vai ser un día especial por partida dobre, tanto culinaria como musical. Pola mañá será a XII Festa da Carne ao Caldeiro, que se celebrará a partir das 13 horas no Campo da Festa de Remourelle. Tamén en clave culinaria vanse desenvolver os actos de celebración do XXV aniversario da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Así este sábado haberá a tradicional churrascada que a Asociación Amadores da Música organiza no Auditorio de Cabanela. Os actos conmemorativos comezarán cara ao mediodía coa inauguración da exposición sobre os 25 anos de vida da BMMR, que se vai poder visitar na Casa do Mar de 11:30 a 13:30 e de 17 a 20 horas. Pola tardiña, ás 21 horas comezará o Concerto do XXV Aniversario da Banda e posteriormente poderemos saborear unha gorentosa churrascada”.

O concelleiro de Cultura engadiu que “xa no domingo, van continuar os actos festivos en Remourelle na honra de Santa María Magdalena, con sesión vermú incluída. E pola noite, I Colori dell´Armonía deleitaranos cun concerto de música barroca que vai haber na igrexa parroquial de Santa María do Campo. Será ás 20:30 horas”. E dixo: “ai, pícaros e pícaras! Non vos esquezades de que o martes 22 Migallas Teatro vai pasar polo parque de San Francisco, ás 20:30 horas, coa súa representación Contos nas orellas, pero esa será outra historia que comezará a semana que vén”.