Hai sete candidat@s para a elección de raíña ou rei do Entroido de Foz, evento que se celebrará o 14 de outubro.

A asociación O Noso Foz e o Concello de Foz veñen de presentar a elección do rei ou raíña do Entroido 2024, evento que terá lugar na Sala Bahía o próximo 14 de outubro, sábado, a partir das 19:30 horas. Desde a organización confirman que son sete os candidat@s que se postulan a dar relevo a Uxía Valmayor Forés e “todos demostran unha tremenda ilusión por representar o Entroido de Foz o vindeiro ano”, destaca a concelleira de Cultura, Inés López.

O concelleiro de Festas, Ángel Fernández, sinala que “os sete candidatos son nomes coñecidos na vila de Foz pola súa participación activa no Entroido e case todos pertencen a algunha asociación vinculada a este”. Os aspirantes son: Dérek Pérez Fernández, da comparsa Ruxe Ruxe; Carlota Fernández del Riego, da comparsa As Trouleiras; Coral Rey Oliveros, da comparsa Sin Xeito; Lucía López Lombardero, da comparsa Malo Será; Julio Villarino Neira -máis coñecido como O Yanki-, do grupo Vanche Galanas; Manuel Sanjurjo Rodríguez, da comparsa Os Macanudos de Barreiros; e María Díaz Villamor. 

“Para a festa do sábado 14 de outubro montaremos unha carpa na Sala Bahía e haberá servizo de barra. Tamén contaremos con servizo de ceas a cargo de Espacio Machete e a festa estará amenizada polo DJ Alejandro Martínez”, anuncian desde a Asociación O Noso Foz. 

O evento contará con xurado, que terá un peso do 40%, e con votación popular, o 60%. “Para votar no evento será necesario mercar as entradas que se venderán ese mesmo día a partir das 18:30 horas na propia Sala Bahía. Terán un prezo de 2 euros e os menores de 14 anos entrarán gratis”, explican desde a organización.

A apertura de portas será ás 19:30 horas e ás 20 horas dará comezo o acto, no que se desenvolverán unhas probas para coñecer mellor aos aspirantes. Unha vez rematado o público dispoñerá dun tempo para deliberar e votar a quen será o seu candidato/a a raíña ou rei do Entroido 2024 e posteriormente realizarase o reconto de votos. Ás doce e media da noite anunciarase o candidato elixido e continuará a festa.

Desde a organización do evento e desde o Concello de Foz prégaselle aos asistentes que acudan disfrazados. Ademais desexan “a maior das sortes a todos os aspirantes a rei ou raíña do noso querido Entroido; sabemos de boa man que calquera deles será un digno representante”, comenta Fátima Novo, presidenta da asociación O Noso Foz. 

O alcalde, Fran Cajoto, deséxalles a todos os participantes “a maior das sortes xa que sabemos que teñen unha enorme ilusión por ser o máximo representante do Entroido de Foz”.