Herdeiros da Cruz actuarán o 14 de decembro no XIII Festival das Minas, da Pontenova, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo.

A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, asinou coa Asociación Cultural e Deportiva das Minas, un convenio de colaboración con valor de 7.500 euros para a organización da XIII Edición do Festival as Minas da Pontenova, que se celebrará o vindeiro 14 de decembro na Praza dos Fornos da Pontenova.

Nesta ocasión o programa inclúe por primeira vez unha baixada a Mina Consuelo, exclusiva para espeleólogos federados, que porá en valor o patrimonio e tradición mineira do Concello mariñao, un dos principais obxectivos cos que naceu este Festival.

“Este ano temos un dos mellores carteis do festival, grazas ao apoio económico da Deputación e o Concello, pois contaremos cunha das primeiras paradas da nova xira dos Heredeiros da Crus, que polo de agora ten confirmados concertos en Madrid, Barcelona, Santiago de Compostela, Londres, Xenebra e A Pontenova.” afirmou Luís Miguel Rivas, membro da directiva da  Asociación Cultural e Deportiva das Minas, quen tamén quixo agradecer a toda a xente da Pontenova, que apoia a organización, aos antigos traballadores das minas, que foron homenaxeados en pasadas edicións do festival e que seguen participando na cea, así como aos asistentes.

Mónica Freire quixo destacar o traballo dinamizador da ACD As Minas, “pois non só levan a Pontenova algunha das mellores bandas do panorama galego, se non que organizan o Entroido, reunións gastronómicas, exposicións, torneos deportivos, ou actuacións teatrais etc.”

Programa:
- 11:00 horas: Apertura e visita da Mina de Consuelo para espeleólogos federados (prazas limitadas)

- 21:30 horas: Churrascada Popular (prazas limitadas)

- 23:30 horas: Comezo dos concertos con: Heredeiros da Crus, A Chocolateira, e DJ.