A III Carreira Nocturna Burela Bonita terá lugar o 21 de xullo. E o 10 de xuño partirá desta localidade a Banco Mediolanum, que rematará en Foz.

De Burela sairá a carreira popular Banco Mediolanum o vindeiro 10 de xuño e o 21 de xullo terá lugar a terceira edición da Burela Bonita. Así o anunciou esta tarde o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey. 

O edil burelés explicou que “onte foi un día duro de traballo na Concellería de Deportes de Burela, onde tivemos dúas reunións para cerrar dúas probas de atletismo que para nós son moi importantes. Unha que se vai celebrar o día 10 de xuño, que é a carreira que organiza o banco Mediolanum. Tivemos unha reunión coa dirección técnica da carreira e xa podemos confirmar que o día 10 de xuño con saída desde Burela vamos ter a carreira popular Banco Mediolanum de Burela a Foz. Este ano cámbiase a chegada, que será en Foz, pois ano pasado fora en Burela”. 

E seguiu a relatar: “ademais diso tivemos unha reunión con ChampionChipNorte para organizar a terceira edición da carreira nocturna Burela Bonita, que levamos impulsando desde que estamos no goberno. Tamén temos todo moi avanzado e xa temos confirmado que o 21 de xullo vamos facer esa carreira e este ano intentamos mellorala naqueles aspectos nos que non quedamos contentos nas anteriores edicións. Esperamos poder abrir as inscricións a finais deste mes, isto é o que falamos con esta empresa que nos vai dirixir un pouco a carreira”.

Ramiro Fernández Rey anima “a todo o mundo a participar nestas dúas carreiras. O Concello de Burela segue apostando polo deporte e queremos darlle alternativas a toda a xente para que poida practicalo”.