A IV Bandeira de Bateis Concello de Viveiro disputarase en Celeiro o 7 de febreiro

O día 7 de febreiro, sábado, o porto de Celeiro converterase no escenario da IV Bandeira de Bateis Concello de Viveiro, un evento deportivo que “promete emoción e adrenalina. A competición comezará ás 16:00h e contará coa participación dos mellores clubs da zona norte de Galiza”, anuncia o Club de Remo Celeiro, que ademais explica “esta debería ser a terceira xornada da Liga Galega de Bateis, pero debido as inclemencias meteorolóxicas tivéronse que adiar as dúas anteriores polo que, se o tempo o permite, a organizada polo Club de Remo Celeiro dará o pistoletazo de saída a esta gran liga”.

Tamén indica que se realizou nas instalacións do club a presentación do evento, “onde grandes e pequenos, mostraron o seu entusiasmo, exhibindo os carteis e bandeiras que se entregarán como premio ós clubs gañadores. Na presentación Belén Pérez, presidenta do Club de Remo Celeiro, e o tenente de alcalde Martín Vale destacaron a importancia deste evento para a promoción do deporte e a cultura na zona”.

O Club de Remo Celeiro destaca que “a IV Bandeira de Bateis Concello de Viveiro é unha oportunidade para desfrutar do deporte e a natureza nun entorno único. Non te perdas a oportunidade de vivir a emoción da competición en vivo e achégate ó porto de Celeiro!”.