A IV Volta ás Comarcas, que terá lugar do 25 ao 27 de maio, pasará por Riotorto, Lourenzá e A Pontenova, entre outros municipios.

O Vicepresidente da Deputación e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o Tenente Alcalde da Pontenova, Francisco Martínez Bermúdez, presentaron este mércores no Concello da Fonsagrada a IV Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo, Desafío Volta Lugo 2018,  que terá lugar os vindeiros días 25, 26 e 27 de maio organizada polo Club Cidade de Lugo. O Goberno da Deputación é o principal patrocinador deste evento deportivo cunha achega de 65.000 euros,pois trátase daúnica volta cicloturista por etapas desenvolvida en Galicia e unha das poucas de toda a Península Ibérica,sendo xunto cos Concellos da Fonsagrada, A Pontenova e Lugo, as únicas administracións que colaboran.A volta desenvolverase durante a fin de semana en tres etapas, que pasarán por doce municipios da provincia: Lugo, Castro de Rei, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, O Cádavo, Castroverde e Pol.

Fernández Queipo destacou “a repercusión mediática e económica deste evento deportivo para a provincia pola oportunidade de promoción que supón, así como pola gran cantidade de xente que se achegará a presenciar o espectáculo. Non en vano, a día de hoxe, e a falta de dúas semanas para que remate o prazo de inscricións, xa hai máis de 165 persoas de toda Galicia, así como doutras comunidades como Valencia, Estremadura, Asturias, Castela e León, e do norte de Portugal, apuntadas para participar na Volta ás Comarcas.A esta cifra hai que engadir os acompañantes e afeccionados á bicicleta que durante tres días se darán cita na nosa provincia, enchendo os hoteis e locais de restauración dos concellos polos que transcorre o percorrido, e deixando uns beneficios próximos aos 100.000 mil euros”.

A novidade máis importante deste DVL2018 é a participación dun ciclista de luxo como é Joseba  Beloki, ex ciclista profesional que destacou como gran escalador e  contrarreloxista de alto nivel especializado en grandes voltas por etapas, destacando entre eles os seus 3 podios no Tour de Francia (2º en 2002 e 3º en 2000 e 2001).

Os interesados en participar no Desafío Volta Lugo 2018 poden formalizar a súa inscrición ata o vindeiro xoves, 17 de maio, a través da páxina web http://www.desafiovoltalugo.com/producto/inscripcion/. Outra das novidades nesta edición é que todos os clubs ciclistas da provincia de Lugo poderán participar totalmente de balde, co obxectivo de promover o deporte base lucense.

Programación das etapas
A primeira etapa terá lugar o venres 25 de maio, os corredores sairán ás 11:00 horas da Praza Maior do Concello de Lugo e chegarán á Praza dos Fornos, no Concello da Pontenova. En total, percorrerán unha distancia de 83,5 quilómetros, cun desnivel acumulado de 1.118 metros positivos, atravesando altos de montaña como o Alto de o Alto de Cruz da Cancela (3ª Categoría) ou o Alto de Augaxosa (1ª categoría).

A segunda etapa disputarase o sábado 26 de maio con saída ás 10:00 horas dende a Praza dos Fornos da Pontenova. O remate desta segunda etapa terá lugar na Praza do Concello da Fonsagrada, completando unha distancia de 114,6 quilómetros e 3.143 metros de desnivel positivos. Neste segundo día, os ciclistas enfrontaranse a altos de montaña como o Alto de Coto de Frades (1ª Categoría); o Alto de Cruz de Barreiros  (2ª Categoría), o Alto de A Lúa (1ª Categoría), o Alto de Cruz de Meira (1ª Categoría), ou o Alto de O Hospital (1ª Categoría). 

Finalmente, a terceira etapa da Volta celebrarase o domingo 27 de maio. A saída terá lugar ás 10:00 horas dende a Praza do Concello da Fonsagrada, e a meta estará situada no complexo deportivo Forus Lugo. En total os corredores realizarán 90,5 quilómetros de distancia, nesta última etapa cun desnivel acumulado de 1047 metros positivos, pasando por altos de montaña como o Alto da Fontaneira (3ª categoría), ou o Alto de Montecubeiro de 2ª categoría.