Josefa Guerreiro, Telmo Mariño e Antonio Rey serán os empresarios homenaxeados na feira "Agora Xove", que se celebrará os días 11 e 12 de febreiro.

Aciam e Concello homenaxearán o vindeiro sábado, día 11, a Josefa Guerreiro Álvarez, a Telmo Mariño Martínez e a Antonio Rey Álvarez. Será no transcurso da inauguración de feira multisectorial Agora Xove, que se desenvolverá a vindeira fin de semana. 
A feira arrincará coa inauguración a cargo de Roberto Vilar, actor e presentador da TVG, os empresarios homenaxeados pola súa antigüidade en empresas familiares que continúan na actualidade coa súa actividade, o alcalde xovense, Demetrio Salgueiro e o presidente da Aciam, Juan Carlos López. A organización de Agora Xove destaca de Josefa Guerreiro Álvarez “por ser a muller con máis anos de dedicación na súa empresa familiar, Panadería Casariego Guerreiro”, de Telmo Mariño Martínez “por ser o fundador de máis idade da súa empresa familiar, Motos Telmo” e de Antonio Rey Álvarez “por ser o fundador da empresa familiar con actividade de comercio máis antiga, Establecimientos Rey”.

Despois do acto inaugural dará comezo unha fin de semana chea de actividades na carpa de 1.200 metros cadrados, que acollerá Agora Xove, e tamén no pavillón deportivo. O sábado haberá charla, degustación de produtos artesáns, exhibición de corte e degustación de xamón e cata de viños, maquillaxe de Entroido, demostracións de perruquería, de maquillaxe con aerógrafo e peiteados, obradoiro de automaquillaxe e desfile de moda e complementos.

E xa o domingo, día 12, o programa inclúe actividades con libros, degustacións gastronómicas, sorteo de vales de compra e un gran desfile de moda a cargo de boutique Catycris, que será presentado pola xornalista de RadioVoz A Mariña, Mª José Fernández Azpeitia, e no que participan as perruquerías Capylarys, Eugenia e Fina e tamén Estética Marta.

A entrada á feira multisectorial Agora Xove será gratuíta. 

Os que se acheguen a Xove eses días tamén poderán saborear noutra carpa o polbo á feira que servirá Cesáreo Eijo. E a vila tamén será escenario da presentación en exclusiva da moto de Marc Mázquez, a cargo de Grupo Roma e Repsol.