Katarsis Educación-Teatro representará en Burela o 5 de febreiro "Pa Cama", un espectáculo non verbal dirixido a nenos e nenas de 0 a 5 anos.

O 5 de febreiro ás 18:00 horas a compañía Katarsis Educación-Teatro representará na Casa da Cultura de Burela "Pa Cama", un espectáculo non verbal dirixido a nenos e nenas desde 0 ata 5 anos protagonizado por Estíbaliz Veiga e Kevin Stewart.

Trátase dunha exploración de xogos entre dous amigos que antes de durmir descobren un mundo de aventuras que lles distrae do sono. A súa predisposición e inxenuidade lévaos a atopar diversión no máis sinxelo, en todo o que lles rodea, no marco dun ambente tan acolledor coma un dormitorio. Un xogo leva a outro, dende unha pelota ata unhas almofadas que fan de ás para voar, pasando polas sabas axitándose no aire, a toalla enrolándose e desenrolándose, a luz apagándose e acendéndose e uns pequenos monicreques en forma de ollos que se bican. Unha peza que se desenvolve coma se fora unha coreografía de danza seguindo o fío dunha banda de son orixinal en función do movemento e das emocións das personaxes. O uso de instrumentos de vento e a gaita axudan a que a obra manteña un clima acolledor e de soño, onde a fantasía e a imaxinación son as claves para a acción. 

As entradas poderán adquirirse na billeteira por 2,5 euros.