A Librería Bahía, de Foz, acolle a presentación de libros de Raquel Rey e Xurxo Mariño os días 23 e 28 de marzo.

O 23 de marzo ás oito e media da tarde, Raquel Rey, que firma có pseudónimo de Elizabeth Bowman, presentará a súa novela “El corazón de una condesa”.

Esta é a primeira novela que Raquel Rey publica coa editorial Titania que a día de hoxe é a principal editorial de referencia da novela romántica. Dentro de Titania edita no selo Epoca, dedicado á novela romántica ambientada en tempos pasados. Neste selo Raquel Rey é a única autora española coa que actualmente conta a editorial, as demais autoras son fundamentalmente inglesas e americanas.

Esta novela está ambientada na Mariña, concretamente en Cangas, e aínda que a historia é totalmente ficticia e non ten nada que ver con ningún personaxe ou acontecemento real, sí que os ambientes, as casas e as paisaxes podemos identificalas facilmente coa nosa contorna.

E o día 28 de marzo ás oito e media da tarde o neurocientífico focego Xurxo Mariño presentará o libro “Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo”.
Este é un libro de viaxes convertido nunha aventura de divulgación científica, o relato dun periplo de once meses arredor do planeta Terra no que se mesturan as anécdotas que van xurdindo ao longo das distintas etapas coas descricións da ciencia que hai detrás dos espectáculos que a natureza lles vai amosando aos viaxeiros: illas volcánicas en plena formación, desertos aos que non se lles albisca a fin, termiteiros xigantes, glaciares de cor azul que roxen coma monstros, raposos voadores e quilómetros, moitos quilómetros de percorrido polo mar, o aire e os revirados camiños dun planeta observado cos ollos atentos e cheos de curiosidade de Xurxo Mariño. Como indica o escritor Xavier Queipo no limiar, «cada capítulo, cada etapa, cada anécdota é unha porta aberta aos sentidos e ao coñecemento, unha incitación á observación da natureza e, en particular, á natureza humana coma se se tratase dunha introdución á historia natural e de etnografía comparada».