Librería Bahía, de Foz, organiza sendas actividades sobre libros e escritores os días 10 e 11 de febreiro, unha para adultos e outra para público infantil.

Esta semana a Librería Bahía, de Foz, acollerá dúas actividades, coma sempre sobre libros e escritores, unha dirixida ao público adulto e outra dirixida ao público infantil.

A primeira actividade é un coloquio co escritor Manuel Portas entorno á súa novela LourenÇo Xograr.  “Titúlase Descubrindo Lourenço Xograr con Manuel Portas, e forma parte do programa de coloquios con escritores que estamos realizando en colaboración co club de lectura da Pomba do Arco. Será o venres, día 10, ás oito e media da tarde”, explican desde a Librería Bahía. 

E engaden que “a novela é unha recreación da vida de Lourenço, un xograr do século XIII cuxa principal ansia é converterse en trobador, status maior dentro da arte poético-musical da época (a de esplendor da lírica galega ou portuguesa). Na primeira parte, imos coñecendo algunhas aventuras de Lourenço; na segunda, o narrador emprega o monólogo de diferentes personaxes que conviven dun ou doutro xeito co xograr para facer un balance da súa vida. O pano de fondo é a disputa polo poder en Portugal entre o rei Sancho II de Borgonha e o seu irmán, Afonso, coñecido como o Bolonhés. A outra paisaxe narrativa é a corte de nobres-guerreiros-artistas de orixe galega e portuguesa que axuntou ao seu redor Afonso, o Sabio”.

Desde a Librería Bahía sinalan que “coa segunda actividade inauguramos un novo programa de actividades para o público infantil que chamamos Familias que contan. Con él queremos que as familias participen animándose a contar e compartir historias na librería. É unha actividade aberta na que poden participar só un pai ou unha mai, ou xuntos, ou cos seus fillas ou fillos, tamén está aberta para avós e avoas, tíos e tías…. No nome quixemos xogar co dobre senso da palabra, as familias contan historias e contos, e as familias, contan moito, teñen un papel fundamental na educación dos máis pequenos e, neste caso, na tarefa de achegalos aos libros e á lectura. A historia para contar pode ser escollida por eles ou suxerida pola libreira, e preparamos xuntos –familia e libreira- a sesión”.

Na Librería Bahía indican que “a actividade do sábado é a primeira desta iniciativa e vamos a desenvolvela con Mar Corbelle e Noa Fernández –nai e filla- que están preparando unha preciosa representación do conto Perdido da editorial Patas de Peixe. Será o sábado, día 11, ás cinco e media da tarde”.