Lourenzá acolle un evento cultural para conmemorar o 111 aniversario do nacemento de Fernández del Riego este domingo, 7 de xaneiro

O Multiusos Ponte de Cuñas, de Vilanova de Lourenzá, acollerá un evento cultural este domingo, 7 de xaneiro, ás 18:30 horas para conmemorar o 111 aniversario do nacemento de Francisco Fernández del Riego.

O cartel deste acto, titulado “Soa don Paco”, inclúe actuacións da Banda de Música de Foz, Pepe Peinó, Felipe Sánchez e a Asociación Cultural Osorio Gutiérrez.

A organización do evento explica que “o 7 de xaneiro de 1913, cando xa ían de retirada os Reis Magos, nacía en Vilanova de Lourenzá o naipelo Francisco Fernández del Riego. Este vindeiro domingo celebraremos os 111 anos desta ditosa nova e farémolo para por un broche de ouro a un ano máxico para Lourenzá: o ano no que se lle dedicaron as Letras Galegas ao noso veciño máis universal, don Paco del Riego, e o ano no que Lourenzá se converteu no epicentro cultural de toda Galicia. Quédanos a lembranza de moreas de marabillosos momentos e, sobre todo, o compromiso anovado de seguir traballando e pulando pola nosa cultura, pola nosa lingua e pola nosa terra”.