Lourenzá celebra o 23 de maio o Día das Letras Galegas con música, recital e a entrega de premios do Certame de Poesía.

Este domingo, día 23, ás 13:30 horas no quiosco da música do Cantón laurentino o Concello de Lourenzá celebrará o Día das Letras Galegas coa colaboración da Banda de Música da localidade. Haberá música, recital e a entrega de premios do certame de poesía.

O concelleiro de Cultura, Manuel Arango Ron, anuncia que “o programa consistirá nun recital poético onde se lerán poesías de Xela Arias e as premiadas no certame de poesía convocado pola Concellería de Cultura. A Banda de Música interpretará a Marcha do Antigo Reino de Galicia, Negra Sombra e o Himno Galego, que pechará o acto”.

Manuel Arango destacou que “dado o gran número de participantes e a calidade das obras presentadas ao certame de poesía o xurado decidiu conceder, ademais dos premios previstos, un accésit en cada categoría. Os gañadores recibirán 50 euros e trofeo, e os accésits serán agasallados cun trofeo”.

A relación de premiados é a seguinte:
Categoría A (ata 9 anos):
1º premio: "Un lugar moi fermoso", de Xabier Berdeal-González Amor
Accésit: "Galicia", de Souad Boufeljat.
Categoría B (de 10 a 14 anos):
1º premio: "Labregos de Lourenzá", de Xiana Gayoso Vega.
Accésit: "Nun recuncho de Galicia", de Miguel Balseiro Ramallal.
Todos eles son alumnos do CEIP Juan Rey.
Categoría C (máis de 14 anos):
1º Premio: "Esperanza", de Teresa Díaz Iglesias, de Foz
Accésit: "Terra meiga", de Jorge Manchado Rivero, de Cervo.