Lourenzá dedica unha xornada á pintora Julia Minguillón o 28 de agosto e expón nas rúas reproducións de obras súas.

O Concello de Lourenzá e a asociación Patrimonio Laurentino organizan unha xornada dedicada á pintora Julia Minguillón, artista que estivo moi vinculada ao municipio. Será o día 28 deste mes, sábado, ás 18:00 horas no mosteiro de San Salvador, onde haberá unha charla na que intervirán a directora do Museo Provincial de Lugo, a museóloga Aurelia Balseiro García, e María Fidalgo Casares, que é doutora en Historia do Arte e membro da Academia Andaluza de Historia. O aforo é limitado e para asistir hai que reservar entrada a través do correo patrimonio.laurentino@gmail.com ou vía whatsapp ao teléfono 649.28.17.91. Tamén haberá outras medidas covid, como o uso obrigatorio de máscara e de xel.

Ademais desde esta fin de semana ata o sábado 28 exporanse reproducións de obras de Julia Minguillón nas fachadas de vivendas e nas rúas de Lourenzá.

As actividades foron presentadas hoxe, venres, en Vilanova de Lourenzá, concretamente diante da casa na que residiu Julia Minguillón. No acto participaron a alcaldesa, Rocío López; a concelleira Mercedes Dengra; a presidenta e a tesoureira da asociación Patrimonio Laurentino, Remedios Gallo e Fina González; e a autora do cartel do evento, a deseñadora laurentina Codés Lillo.

A rexedora municipal anunciou que con esta xornada dedicada a Julia Minguillón “trátase de poñer en valor e de dar a coñecer a súa obra, que é moi extensa e moita dela está centrada aquí, en Lourenzá. Sabemos que pintou moitos cadros relacionados coa nosa vila e facemos esta xornada en colaboración coa asociación Patrimonio Laurentino agora, cando se cumpren 80 anos do Premio Nacional de Belas Artes concedido a Julia Minguillón polo seu cadro sobre a escola de Doloriñas, do barrio de Villapol, pertencente ao concello de Lourenzá”.

E Remedios Gallo explicou que Julia Minguillón “naceu en Lugo, pasou a súa infancia en Lourenzá, onde su pai exercía de boticario, ata a súa adolescencia, cando foi estudar a Valladolid e Burgos, pero a súa familia continuou residindo en Vilanova e ela viña visitalos a miúdo. Cando sucedeu a Guerra Civil regresou a Lourenzá, estivo vivindo aquí uns anos e daba paseos desde a vila ata Villapol e A Cazolga, onde descubriu a escola de Doloriñas (a mestra Dolores Chaves), que está no barrio de Villapol; entón decidiu pintar esa escena e creou esa gran obra, A escola de Doloriñas. Este cadro participou en exposicións internacionais moi importantes: en Berlín, Venecia, Río de Janeiro, … Pertence actualmente ao Reina Sofía, pero está cedido ao Museo Provincial de Lugo. Ela pintou moitos cadros en Lourenzá pero tamén en Lugo”.

A presidenta de Patrimonio Laurentino engadiu que pretenden “destacar a súa obra e por este motivo a asociación quere dala a coñecer, non só aos veciños senón tamén aos visitantes e peregrinos. Por iso exporemos reproducións de obras dela nas fachadas das casas e nas rúas desde esta fin de semana ata o día 28”.