Máis de 150 veciñas e veciños de cinco concellos viaxan ata o 28 de outubro co programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo.

Veciñas e veciños de cinco concellos da provincia participarán esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. En total son 153 persoas dos municipios de Pol, Castroverde, Ribas de Sil, A Fonsagrada, e Lugoque, dende este martes e ata o venres, viaxarán polo territorio lucense grazas ás viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro.

Este martes, a Asociación Veciñal Mulleres Rurais Olvido, de Pol, e a Asociación de Amigos do Patrimonio,de Castroverde, viaxaron á Mariña e ao sur da provincia, respectivamente. Os primeiros comezaron a súa ruta no Mazo de Santa Comba, antes de saír cara aQuiroga, onde visitaron o Museo Xeolóxico da localidade e o Xeomiradoiro de Campodola. Ademais, o grupo coñeceu unha adega e o castelo de Torrenovaes. No caso do colectivo veciñal de Castroverde,partiu a súa viaxe da Granxa Gayoso Castro da institución provincial para, posteriormente, dirixirse á Mariña. En concreto, os participantes coñeceron a igrexa parroquial do Mosteiro de Lourenzá, o centro de interpretación da faba e a cooperativa Terras da Mariña. Rematarán a visita descubrindo o casco histórico de Mondoñedo. 

O mércores será de novo protagonista a costa lucense. A Asociación de Veciños do Centro de Animación Rural Remansiño do Sil, de San Clodio, comezará a súa ruta no Mazo de Santa Comba, para desprazarse a Lourenzá e Mondoñedo. No caso da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros, da Fonsagrada, o grupo achegarase ata Burela e Foz para visitar o porto pesqueiro e o barco–museo boniteiro Reina del Carmen. Os participantes terán ocasión de desfrutar dunha visita panorámica das praias de Foz dende o paseo marítimo de Peizás e de Llás. Tamén farán un percorrido          pola vila de Foz, dende o porto pesqueiro ata a praia da Rapadoira, e visitarán a basílica e centro de interpretación de San Martiño.

Xa o xoves serán os membros do colectivoKertix Asociación Cultural de Recreación Histórica e Promoción Turística, de Lugo, os que despois de saír do Pazo de San Marcos, poñan rumbo a Pedrafita de Cebreiro para coñecer o santuario e a palloza-museo, percorrer un tramo do Camiño Francés e a continuación dirixirse á localidade de Triacastela. Pola súa banda, os da Asociación Veciñal Cultural PiñeiroRancho Grande, sairán da Produtora de Audiovisuais da institución provincial para logo, viaxar ata O Valadouro onde, ademais dun percorrido pola vila, os participantes descubrirán o Pozo da Onza. 

Para rematar a semana, a Asociación de Veciños Ombreiro Río Miño, de Lugo, visitarán en Sober unha adega de Amandi, e dous miradoiros do municipio desde onde os participantes poderán contemplar unhas fermosas vistas sobre as vides e o Canón do Sil. Farano tras coñecer o Mazo de Santa Comba que será o punto de partida do itinerario.

Na segunda edición do programa Coñece a túa Provincia, que comezou na primavera, xa se beneficiaron máis de 2.000 persoas. Este outono son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan coas súas reservas para viaxar pola provincia ata o mes de novembro. 

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.