Máis de 170 persoas viaxan ata o 29 de setembro á Mariña e á Ribeira Sacra co programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo.

Máis de 170 persoas da provincia de Lugo participan esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación para percorrer e descubrir diferentes recursos turísticos do territorio lucense. Pertencen a oito asociacións e uns coñecerán A Mariña e outros a Ribeira Sacra, segundo o itinerario que cada grupo elixiu para pasar a xornada. 

Este martes viaxa a asociación de veciños de Rivasaltas de Monforte de Lemos, que arranca o seu percorrido na produtora do Servizo de Audiovisuais, e, posteriormente, achegaranse aos concellos de Barreiros e Ribadeo, onde pasearán a pé polo paseo marítimo barreirense, visitarán a praia das Catedrais e o núcleo de Rinlo, e rematarán percorrido no casco histórico ribadense. Taménhoxe,os membros da asociación de veciños cultural e deportiva Os Cincos Ríos, no Corgo, coñecerán o Centro de Interpretación Terras do Miño e logo desprazaranse ata Xove e Viveiro, onde se deterán no faro de Punta Roncadoira, visitarán o monumento natural do Souto da Retorta e o casco histórico de Viveiro.

Mañá mércores será a quenda da asociación Pasada das Cabras, de Burela, que visitará o Pazo de San Marcos e posteriormente porá rumbo a Sober e Monforte de Lemos, onde farán un percorrido en catamarán polos canóns do Sil. Tamén viaxará este día a asociación de veciños de San Esteban de la Mota, de Guntín, que emprenderá o seu itinerario dende a produtora do Servizo de Audiovisuais e continuará ata O Saviñao, con visita ao Ecomuseo de Arxeriz, ao miradoiro do Cabo do Mundo II en San Lourenzo de Fión e fará unpercorrido en catamarán polo Miño dende Belesar pobo. 

O xoves participará un grupo de Guitiriz, a asociación cultural e deportiva dos Vilares, que fará a primeira parada no Mazo de Santa Comba e despois irá ata Sober e Monforte de Lemos, con percorrido en catamarán incluído. Nesta mesma xornada a veciñanza de Castro de Ribeiras de Lea coñecerá o Pazo de San Marcos e despois descubrirá os principais atractivos do concello do Saviñao. 
O venres será a quenda de dous grupos de Riotorto. A asociación coro parroquial iniciará o seu itinerario na Granxa Gayoso Castro e logo desprazarase ata Cervo. Alí visitará a fábrica de Sargadelos,a vila de San Cibrao eo Museo do Mar. O segundo grupo de Riotorto é a asociación de veciños e veciñas de Santa Comba de Órrea, que elixiu descubrir primeiro o Mazo de Santa Comba e despois viaxará ata O Courel. 

O programa Coñece a túa provincia inclúe de balde o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese das comarcas lucenses. Estas visitasrealízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.