Máis de 40 equipos se darán cita en Burela os días 24 e 25 de xuño no VII Torneo Marosa Cup de fútbol.

O VII Torneo Marosa Cup de fútbol reunirá a máis de 40 equipos en Burela os días 24 e 25 de xuño. O evento deportivo foi presentado nas últimas horas. 

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, contou que “se trata dun torneo que xa está máis que asentado no calendario de torneos que se fan nestas datas en Galicia. Van participar máis de 40 equipos este ano, co que pega un salto de calidade importante nesta edición, que conta co apoio do Concello de Burela e da Deputación de Lugo”.

O edil burelés subliñou que “o Concello está a disposición do Porto de Burela e da SD Burela como organizadores, para axudarlles a que todo salga o mellor posible. Queremos agradecerlles ás directivas o traballo que fan por manter este gran torneo, que sabemos que supón pola súa parte un grandísimo esforzo”.

Fernández Rey engadiu: “desexarlles que todo salga ben. Esa fin de semana, a do 24 e 25 de xuño, vai ser moi movida en Burela porque coinciden tres eventos de grande repercusión como son o Marosa Cup, o Memorial Heroes do Orzán e a Festa Castrexa. Burela rexistrará un abarrote de xente esa fin de semana”. 

Xunto aos organizadores estiveron os concelleiros Ramiro Fernández e Carmela López.