Máis de 500 escolares na I Xornada de Educación Física na Rúa, que terá lugar en San Ciprián o 25 de abril.

Máis de 500 escolares procedentes de diferentes centros educativos da Mariña participarán na I Xornada de Educación Física na Rúa que terá lugar o vindeiro mércores, 25 de abril, en San Ciprián.
 
A actividade, organizada polo Seminario de Educación Físca da Mariña, coa colaboración do Concello de Cervo, foi presentada polo alcalde, Alfonso Villares, os edís de Educación e Deportes, Dolores García Caramés e José Ramón Soto, respectivamente, o coordinador do seminario e profesor de Educación Física do CEIP Cervo nº1, Luis Escolar, e polo director deste colexio, José Ángel Riveira.
 
A inauguración do evento e a recepción dos participantes terá lugar ás 10:20 horas, na Praza dos Campos; e prolongarase ao longo de toda a mañá, ata as 13:45 horas.
 
Vanse preparar 10 estacións con distintos xogos en cada unha delas, supervisados e dirixidos por persoal cualificado. A actividade concentrarase fundamentalmente na Praza dos Campos; pero tamén se utilizarán como escenarios a praia e o paseo do Torno e o parque Reina Sofía.
 
As actividades por estacións serán as seguintes: 
1. Skate, surf e malabares
2. Brillé
3. Desafíos Cooperativos
4. Paracaídas
5. Baile
6. Xogos Populares
7. Pedra, papel e tesoira
8. Volei, palas e ultimate
9. Disc-Golf (na foto da presentación pódese ver unha das cestas que se elaboraron para esta actividade), slackline e busca do tesouro
10. Tres en raia
 
O alcalde de Cervo destacou que vai ser unha xornada moi enriquecedora a todos os niveis, na que irán da man o deporte e a educación. “Será unha mañá de convivencia entre o alumnado de diferentes centros da Mariña que poderán desfrutar da actividade deportiva ao aire libre nunha contorna, como é esa zona da Praza dos Campos de San Ciprián, que é a idónea para levar a cabo unha actividade coma esta”.
 
A aposta polo Deporte, en todas as súas facetas, é unha máxima deste equipo de Goberno, e, como non podía ser doutro xeito, nesta ocasión tamén colaboramos cos organizadores en todo o que está na nosa man para facilitarles, na medida do posible, a súa labor e, entre todos, conseguir, como estamos convencidos que así vai ser, que a xornada sexa todo un éxito co obxectivo de inculcar aos rapaces hábitos de vida saudables e alentalos para que o Deporte sexa unha parte primordial no seu día a día.