Malasombra Producións representará o 18 de marzo en Burela "De algo hai que morrer".

O sábado, 18 de marzo, Xoque Carbajal e Jouse García de Malasombra Producións representarán ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Burela a conferencia fúnebre-cómico-teatral "De algo hai que morrer".

Dous prestixiosos e peculiares científicos, o profesor Jeckill e o profesor Hyde, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao 100 % da poboación de todo o mundo sen distinción de raza, sexo ou condición: A morte.

Ao longo da conferencia, os dous profesores disertan, dramatizan e dan resposta a preguntas sobre diversos temas relacionados co asunto principal. A vida. Vivir é bonito ou está sobrevalorado? A inmortalidade. Como sería o mundo se fósemos inmortais? Os sinais. Chega a morte sen avisar ou hai pistas que a anuncian? Maneiras de morrer. Morremos sempre de repente? O suicidio creativo. Desfruta do teu derradeiro momento. O asasinato. Son os xenocidas uns tolos malvados ou héroes ecolóxicos incomprendidos? A pena de morte. Análise das formas de execución e posibles melloras. O enterro ou como desfacerse do cadáver. A vida despois da morte. O túnel, a luz e a axencia de colocación de defuntos. O final. Saíremos vivos desta conferencia? Ou corremos o perigo de morrer de risa? 

As entradas estará á venda por 4 euros na billeteira desde unha hora antes da función.