A Mancomunidade da Mariña inicia unha colaboración con Viajes Interrías. Varias axencias ofrecerán este xeodestino á súa clientela.

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense ven de iniciar unha colaboración co maiorista receptivo Viajes Interrías, empresa galega con máis de 30 anos de experiencia, especializado en España, Portugal, Lourdes e Andorra. Esta acción é o resultado do traballo realizado por parte do xeodestino e os Concellos asistindo a feiras profesionais de turismo coma FITUR.

Fai uns días o presidente da Mancomunidade, Francisco Cajoto, e o director comercial de Viajes Interrías, Fabián Buezas, xunto a técnicos de ambos entes mantiñan unha reunión de traballo no CENIMA en Foz. Entre outras cuestións, revisaron o díptico no que o maiorista receptivo traballou da man da Mancomunidade e que porá a disposición de máis de 8.500 axencias de viaxes en toda a península. Deste xeito o territorio mariñán comezará a ser unha opción a ofrecer por parte destas axencias de viaxes dentro do norte peninsular.

Trátase dun díptico onde se fai unha aproximación á Mariña cun itinerario de 7 días e 6 noites a través de diferentes recursos do territorio tanto do interior como da costa de temática natural, cultural e gastronómica, un exemplo das posibilidades existentes que se pode adaptar á demanda do cliente final. Esta ferramenta servirá para que A Mariña Lucense teña presenza como xeodestino no mundo da turoperación, adaptándose ás necesidades de grupos, individuais ou familias.

Nesta primeira colaboración entre a Mancomunidade e Viajes Interrías farase tamén promoción do xeodestino a través das súas redes sociais e co envío de newsletters á base de datos de turoperadores do maiorista. Fran Cajoto, presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, subliñou que “o obxectivo desta acción é ante todo traballar e axudar á desestacionalización da actividade turística no territorio, á redistribución dos fluxos que concentran os principais recursos tractores cara o resto da comarca e que o cliente final teña a oportunidade de pasar o maior tempo posible coñecendo e empapándose da Mariña Lucense”.

A Covid19 veu cambiar os hábitos dos viaxeiros nacionais que, na actualidade, están escollendo viaxar dentro do territorio peninsular a destinos rurais, de espazos abertos e naturais. Esta é unha oportunidade que a Mancomunidade está tratando de aproveitar dende a irrupción do virus e esta acción ven reforzar ese traballo, sabendo ademais que unha porcentaxe  alta da xente que visita A Mariña Lucense soe repetir.