A Mancomunidade da Mariña organiza unhas xornadas de formación en xeoturismo para guías e empresas de turismo activo en febreiro

Terán lugar os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro. Deste xeito continuará o programa de Xeoturismo da Mancomunidade, que arrincaba o pasado mes de decembro, e que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade - co apoio da Deputación de Lugo -, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

As xornadas desenvolveranse os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro en horario de 10 a 14 horas e de 15 a 19 horas. Esta formación ten como obxectivo formar a persoas que teñan a intención de traballar no territorio da Mariña como guías de actividades xeoturísticas. “Os contidos que se abordarán son de interese para comprender os procesos xeolóxicos e as principais manifestacións xeolóxicas que atopamos na Mariña, para así poder ser quen de interpretar esas manifestacións e dalas a coñecer aos visitantes dun xeito sinxelo, ameno e entretido”, indica Rocío López, presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña. 

A formación abordará cuestións como a introdución ao turismo xeolóxico, o perfil deste tipo de turista, o patrimonio xeolóxico da Mariña, a comercialización de produto xeoturístico ou a interpretación da paisaxe xeolóxica, entre outras. Haberá unha parte teórica e outra práctica.

As prazas ofertadas son 20. A formación será impartida na salón de conferencias en Burela. As persoas interesadas en participar teñen ata o 15 de febreiro ás dúas da tarde para poder inscribirse completando o seguinte formulario  https://forms.gle/obAyBUo1Q7CUNxZTA e enviando a documentación complementaria que se indica ao final do formulario ao email amarinageoturismo@gmail.com

O equipo docente estará formado por Fran Canosa, xeólogo e impulsor do turismo xeolóxico en Galicia; Iván Rodríguez, doutor en Xeoloxía e guía de xeoturismo; Isabel Rodríguez, docente en interpretación do patrimonio; e Cristina Collazo, docente en marketing turístico. 

Xeorutas por Burela e por Foz
Éxito de convocatoria das Xeorutas que terán lugar os días 17 e 24 de febreiro tamén ao abeiro do programa de Xeoturismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña.

As prazas para a Xeoruta da Marosa xa están cubertas e para a da Frouxeira quedan poucos ocos libres. Rocío López manifesta que “estamos moi contentas pola acollida que están a ter estas actividades”.

Aquelas persoas interesadas en participar tanto na formación coma nas actividades de xeoturismo poden atopar toda a información respecto ao contidos, bases e proceso de inscrición para a formación así como os detalles e plataforma de reservas para as dúas actividades de xeoturismo no seguinte enlace: https://amarinalucense.gal/es/geoturismo