A Mancomunidade de Concellos da Mariña organiza unha nova xornada formativa o 24 de abril en Burela

O 24 de abril desenvolverase unha Xornada de Formación en Xeoturismo para anfitrións e xestores de turismo, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística. 

Esta xornada estaba prevista para o pasado 13 de marzo, pero quedou posposta para este mes de abril co obxectivo de que, tralos preparativos que supuxo a Semana Santa, poida participar o maior número de persoas interesadas. Desenvolverase no salón de conferencias, en Burela, en horario de 10 a 14 horas e de 15 a 19 horas. 

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, lembra que “esta xornada formativa ten como obxectivo primordial a divulgación e posta en valor do patrimonio xeolóxico da Mariña entre os axentes locais implicados no desenvolvemento do turismo no territorio, ben sexan do sector público, como técnicos das oficinas de turismo, xestores e concellerías de turismo ou áreas relacionadas, etc, como do sector privado, persoal de aloxamentos, actividades turísticas, etc. E así sexan quen de contar cunhas nocións básicas sobre o turismo xeolóxico, o patrimonio e a xeoloxía da Mariña de cara a informar e atender aos turistas e visitantes ou valorar desenvolver actuacións de xeoturismo no seu ámbito”.  

Esta acción enmarcarse dentro do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña - cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo - sendo o turismo xeolóxico unha das áreas estratéxicas a desenvolver no contexto deste plan para a diversificación, redistribución e desestacionalización da actividade turística.

O equipo docente estará formado por Fran Canosa, xeólogo e impulsor do turismo xeolóxico en Galicia; e Iván Rodriguez, doutor en xeoloxía e guía de xeoturismo. As persoas interesadas en asistir aínda se poden inscribir no seguinte enlace: https://forms.gle/KSPKRjpTQ1Ur7zGAA. Para máis información poden acceder a https://amarinalucense.gal/es/geoturismo contactar por mail con amarinageoturismo@gmail.com ou por teléfono no seguinte número 644 00 97 22.

Xa o pasado mes de febreiro tiveron lugar as primeiras xornadas de formación en Xeoturismo para guías e empresas de turismo activo. Foron 21 profesionais os que participaron tanto da comarca da Mariña como do resto de Galicia e de Asturias. As xornadas desenvolvéronse os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro no salón de conferencias de Burela.