
A Mariña prepárase para acoller a sétima edición do programa de actividades Plans con corazón, unha iniciativa para dar a coñecer entre a poboación, tanto autóctona como visitante, a riqueza dos 16 concellos que compoñen o xeodestino. Trátase de 16 plans que se desenvolverán do 26 de setembro ao 14 de novembro nos concellos mariñáns da man de guías locais, expertos coñecedores do territorio, que liderarán unha variada proposta de rutas e visitas guiadas.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña promove este programa de actividades no marco dos convenios de colaboración anuais coa Axencia de Turismo de Galicia e coa Deputación de Lugo, co obxectivo de ofrecer actividades de lecer singulares que poñan en valor o territorio, permitan á poboación coñecer e gozar do territorio e contribúan á desestacionalización do turismo neste destino.
No marco desta colaboración, foi presentado este xoves, 10 de setembro, o programa Plans con corazón nun acto que tivo lugar na área recreativa Muíño do Pereiro, de Lourenzá, no que participaron a presidenta da Mancomunidade e alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; a directora de promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita; a presidenta da Deputación Provincial de Lugo, Carmela López; a xerente de Volta Montana, Cristina Collazo; a guía oficial de Galicia Ana Pena; o presidente da cooperativa Terras da Mariña, Pepe Cuadrado; e Anxo García alumno do Grado de Turismo da UDC e impulsor do proxecto Mar Aberto, iniciativa que se estrea neste programa.
Na presentación a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Rocío López, animou a veciños e visitantes a participar, un ano máis, nestes plans, que ofrecen a posibilidade de descubrir A Mariña “a través de propostas diferenciadoras, diversas e sostibles” que ofrecen unha perspectiva diferente: “máis próxima, máis auténtica e máis conectada coas persoas que viven e traballan aquí”. Para López esta iniciativa ten como elementos diferenciais o coñecemento que achegan os guías e a participación das persoas que viven no territorio. “Na maior parte das propostas contaremos con anfitrións locais que van compartir cos participantes as súas experiencias vitais, os seus oficios tradicionais e artesanais, os seus proxectos innovadores e tamén o seu compromiso coa conservación e coa posta en valor dos nosos recursos”, explicou, ao tempo que salientou que “esta é unha das mellores maneiras de facer turismo: coñecendo os lugares, pero tamén coñecendo as persoas que lle dan vida”.
Nesta edición, como primeira novidade, incorpórase a participación de varios produtores que a principios de ano formaron parte do Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA), unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo a través de SEGITTUR, en colaboración coa Mancomunidade, para promover experiencias agroturísticas que diversifiquen a oferta turística, atraian a novos visitantes e contribúan á desestacionalización do turismo. Os produtores que participarán nos Plans con corazón 2026 son: Cooperativas Terras da Mariña; Mel O Poder das Flores; Shiifos Micoloxía; Grupo Naterra; e a Mancomunidade de Montes en man común de Frexulfe no Valadouro.
A segunda novidade deste ano é a participación de Mar Aberto, un proxecto de 3 alumnos do grao de Turismo da UDC: Anxo García, Diego Rodríguez e Juan Fernandes, que xorde co obxectivo de ofrecer un roteiro accesible e inclusivo en torno ao patrimonio mariñeiro na Mariña Lucense.
Respecto das novidades desta edición, a presidenta da Mancomunidade explicou que son o exemplo de que “o turismo tamén pode e debe ser un espazo para a innovación, para a participación da mocidade e para construír un destino no que todas as persoas poidan gozar do territorio”.
Nesta liña lembrou que, co obxectivo de promover o goce do medio natural e cultural minimizando o impacto nel edítase, ao igual que na anterior edición, o Decálogo de Boas Prácticas dispoñible na web oficial da Mancomunidade. Trátase de facilitar unha experiencia “enriquecedora e sustentable, porque queremos que A Mariña se coñeza, se desfrute e se valore, pero tamén que se coide”, subliñou.
Todas as persoas interesadas en participar poder formalizar a inscrición a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon As prazas son limitadas e cada actividade terá un custo que varía de 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella) e 15€ (inscrición en grupo), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes.
Plans con corazón chega este ano á súa sétima edición “cunha exitosa traxectoria e unha gran acollida, cubrindo prazas ano tras ano, grazas á súa proposta variada e atractiva liderada por guías oficiais de Galicia coñecedores do patrimonio local, tamén por perfís especializados en xeoloxía e ornitoloxía e todos os anfitrións participantes. Estes expertos colaboran coa empresa Volta Montana para configurar esta iniciativa coa que amosar A Mariña como un destino singular e diverso, contribuír á desestacionalización do turismo -xa que promove viaxes fóra dos meses de temporada alta- e ampliar o coñecemento do territorio a nivel local. Trátase dun proxecto para conectar coa esencia da Mariña a través de propostas que nos achegan a espazos moitas veces descoñecidos”.
Os guías oficiais serán Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar, guías acreditados ademais co selo de calidade turística SICTED para o destino A Mariña Lucense; Juan Fernandes, o guía especializado en xeoloxía Iván Rodríguez; e o guía especializado en ornitoloxía Saúl Román.


