Mariña Patrimonio segue co seu ciclo de conferencias on line. O 9 de outubro Miguel Losada, arqueólogo e antropólogo, falará sobre "O enigma de Formigoso".

Mariña Patrimonio continúa co ciclo de conferencias online, que iniciou o pasado mes de maio, organizando con Miguel Losada, arqueólogo e antropólogo, unha nova charla titulada "O Enigma do Formigoso: Unha fortificación no Castelo Pequeno de Santigoso", que se poderá seguir na canle de Facebook de Mariña Patrimonio mañá, 9 de outubro, a partir das 19.30 horas. 

Desde a organización achegan un texto no que Miguel Losada introduce o tema: 
“Houbo alguén, non sabemos quen, que, non sabemos cando, deseñou, moveu e colocou non menos de 100.000 toneladas de materiais, áridos e pedras, para construír unha enorme estrutura arquitectónica dunhas 13 hectáreas, integrada por murallas, foxos, noiros e áreas de pedras fincadas visible inda hoxe dende quilómetros no cimo dunha montaña galega de case que 1300 msnm e tampouco sabemos o porqué.
Até hai unha década este lugar pasara inadvertido para a investigación e para o resto da sociedade. Fora do eido estritamente local e malia ser unha construción moi visible na paisaxe, O Formigoso do Castelo Pequeno de Santigoso, Concello da Mezquita, Ourense, non existía. Trátase pois dun verdadeiro descubrimento arqueolóxico que apenas dende 2017 está sendo obxecto de investigación por parte da empresa A Citania Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio.
Probablemente, se en calquera outra parte de Europa, acontecese o descubrimento dunha inmensa fortificación nas alturas semellante a esta e ademais a súa orixe, función e significado seguise sendo un enigma logo de varias campañas de traballos, entón a noticia enchería titulares”.

Esta intervención propiciada por Mariña Patrimonio e realizada por parte dunha das persoas integrantes do equipo e traballo, pretende dar a coñecer a existencia deses traballos desenvolvidos sobre este lugar mailos seus arredores e dos datos que ó respecto están xa ó dispor da sociedade. 

Ademais do relator, tamén van intervir, para contrastar os seus puntos de vista, Israel Picón, arqueólogo participante nesta escavación, e Xurxo Salgado, xornalista e historiador. Ao remate, os asistentes en liña a través de Facebook terán ocasión de facer preguntas e comentarios.