Mercar no Comercio de Viveiro entre o 7 e o 14 de setembro ten premio e o día 9 haberá Teatro na Rúa.

Mercar no comercio de Viveiro dende este xoves, 7 de setembro e ata o 14 de setembro ten premio. En concreto 1.000 euros repartidos en tarxetas prepago de 300 e de 50 euros para seguir mercando no comercio da localidade. 

A Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Consellería de Economía, Industria e Innovación – Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, coa colaboración neste caso do Centro Comercial Histórico de Viveiro, poñen en marcha a campaña de dinamización “Mercar no teu comercio ten premio”. 

Así, todos os clientes de Viveiro que realicen compras por importe mínimo de 10 euros no comercio de proximidade entre o 7 e o 14 de setembro, poden participar no sorteo en directo destes 1.000 euros en premios. Este sorteo terá lugar o xoves, 14 de setembro, ás 19.00 horas, na Praza Maior de Viveiro. Previamente, os consumidores deberán canxear os seus tickets de compra por boletos de participación nunha carpa que se instalará dende ás 16.00 horas nesta mesma praza. 

Dende esa hora, todos os clientes poderán ademais optar a un agasallo directo participando na Ruleta da Fortuna da Federación de Comercio. A partir das 18.00 horas haberá tamén animación infantil. 

A campaña “Mercar no teu comercio ten premio”, busca dinamizar o comercio de proximidade e incentivar o consumo. Con esta finalidade celebrarase nun total de 9 localidades da provincia.

Teatro na Rúa
O sábado, 9 de setembro, ás 19:30 horas nos xardíns Noriega Varela (zona do Templete da Música) terá lugar a representación da obra “Os Ladróns son Xente Honrada” da man da compañía A ADALA FUTURA, de foz. 

A iniciativa parte da Área de Cultura da Deputación de Lugo en colaboración co Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado da provincia de Lugo 2023.

Trátase de achegar ó publico actividades culturais de calidade, para dun xeito gratuíto encher o tempo de lecer estival, aproveitar estes días antes de comezar a volta ó cole e que a rapazada poida desfrutar do Teatro na Rúa. É unha comedia apta para tódolos públicos. O elenco está composto por 9 actores e actrices e a obra durará aproximadamente unha hora. Trata duns ladróns moi golosos que entran a roubar lambetadas na casa dunha diva. A policía que lles segue a pista, acaba por atopalos nesta casa pero non é o único que atopan... O inspector e a diva namóranse, aparece unha frauta máxica cunha maldición que a diva decide romper...

No caso de que ameace choiva a representación trasladarase á Sala do Conservatorio de Música.