Mondoñedo acollerá o Festival de Música de Cámara MindoMúsica 2019 entre o 9 e o 12 de xullo.

O Concello de Mondoñedo apoia o Festival MindoMúsica que achegará música de cámara á cidade entre os vindeiros 9 e 12 de xullo da man da violinista mindoniense Rebeca Maseda, pregoeira das últimas festas das Quendas, que estará acompañada doutros cinco músicos: Antonio Viñuales –violín-, Alberto Rodríguez –viola-, Iván Siso –violoncello-, Yolanda Fernández –clarinete- e Rosalía Gómez –piano-.

Esta iniciativa que pretende revalorizar aos grandes compositores mindonienses coma Pascual Veiga ou JoséPacheco a través do estudo,interpretación e adaptación da súa música contará con dúas partes diferenciadas. Por unha banda, entre o martes 9 e o mércores 10 desenvolveranse unha serie de coloquios, clases interactivas e ensaios abertos aos máis pequenos no marco da programación de campamentos de verán da Escola Municipal de Música. E por outro lado, o xoves 11 e o venres 12 desenvolveranse os ensaios xerais e dous concertos.

Concertos
Os concertos terán lugar en dous escenarios: a catedral de Mondoñedo e o auditorio municipal Pascual Veiga, respectivamente. En calquera dos casos, darán comezo ás oito e media do serán e a entrada será de balde ata completar aforo.O primeiro, denominado ‘Unha viaxe de ida e volta’, desenvolverase na catedral e contará con música de W.A. Mozart, A. Webern, J. Turina e obras conservadas no Arquivo de Música da Catedral de Mondoñedo.No segundo, ‘Xenialidades varias’, os músicos participantes tocarán no auditorio municipal pezas de A. Gaos, R. Schumann e S. Prokofiev.

Riqueza histórico-cultural mindoniense
O concelleiro de Educación, Cultura e Novas Tecnoloxías, Alberto García, remarcoua“importancia e responsabilidade que temos en investigar e manter viva a interpretación musical de compositores mindonienses poñendo énfase na súa produción musical nun evento destas características”. Así, “agradeceu a Rebeca a súa iniciativa de intentar que as partituras e manuscritos que se conservan no Arquivo da Catedral se leven ao escenario e dalos así a coñecer ao público”.

Esta iniciativa permitirá tamén “conectar coa riqueza histórico-cultural desta cidade tan emblemática como é Mondoñedo”.