Mondoñedo acollerá o IV Encontro Álvaro Cunqueiro os días 27 e 28 de xuño

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de anunciar a apertura do prazo de matrícula para o IV Encontro Álvaro Cunqueiro, unha das propostas incluídas no programa da Universidade de Verán 2026. O encontro desenvolverase os días 27 e 28 de xuño no Pazo de Santomé, en Mondoñedo, e contará cun total de 16 horas lectivas.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa matrícula ata o vindeiro 12 de xuño. O proceso pode realizarse no Colexio de San Xerome (Compostela) ou no Edificio Intercentros (Campus de Lugo), así como a través da sede electrónica da USC na ligazón https://www.usc.gal/gl/servizos/area/cultura/extension/universidade-veran/encontro-alvaro-cunqueiro-camino-norde-4a-edicion-15231

O Concello de Mondoñedo explica que “o encontro combinará a reflexión académica con propostas culturais, como un roteiro cunqueiriano polos espazos ligados ao autor en Mondoñedo ou un concerto, que complementará a programación formativa”.

O IV Encontro Álvaro Cunqueiro conta coa colaboración do Concello de Mondoñedo, da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, da USC e da Deputación de Lugo.