Na Festa do Chícaro en Foz, os días 20 e 21 de xaneiro, cociñaranse 1.200 quilos de berberecho en diversas preparacións.

A Festa do Chícaro, que se celebrará este fin de semana, foi presentada en Foz cun acto no que participaron o alcalde, Javier Jorge Castiñeira; o concelleiro do Mar, Pedro Fernández Manín; e o pregoeiro do festexo, o escritor e poeta focense Paco Rivas.

O primeiro tenente de alcalde e concelleiro delegado de Mar, Pedro Fernández Manín, destacou que este evento “está considerado como a primeira festa gastronómica do ano en Galicia” e explicou que “a programación comezou con charlas e proxeccións nos colexios de Primaria de Foz a cargo de Suso de Breogán, unha persoa que ten fotografías e coñece como era Foz nos anos 50 e o que é na actualidade. Ademais hoxe, xoves, no salón de actos da Casa da Cultura houbo unha charla sobre o marisqueo e a acuicultura en Galicia impartida por Susana Novo Vázquez e Justa Ojea Martínez, doutoras en Bioloxía e investigadoras do Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, pertencente á Consellería do Mar”. Neste acto, que foi presentado polo concelleiro de Medio Ambiente, José Antonio Hermida Fernández, participaron alumnos e alumnas da ESO do colexio Martínez Otero e do IES de Foz.

Pedro Fernández Manín engadiu que “o sábado, que é o día principal da festa gastronómica, no peirao estará instalada unha carpa para a degustación dos berberechos. Ás doce da mañá empezaremos co pregón a cargo de Paco Rivas, un escritor moi coñecida en toda a bisbarra da Mariña e que é veciño da parroquia focense de Nois; estamos moi orgullosos de que esta persoa sexa o pregoeiro desta festa. A continuación actuará o grupo Mar Aberto, que é unha formación musical de Foz coñecida polas súas actuacións con cancións dedicadas ao mundo do mar. A partir da unha da tarde abriranse os stands e a continuación serviranse berberechos ata as tres e media da tarde a todas as persoas que queiran participar. O prezo das racións será de 5 euros e poderanse degustar en empanada, elaborada por Confitería Anduriña, e tamén á provenzal, ao vapor e berberechos con fabas de Lourenzá, pratos que serán cociñados pola Escola de Hostalería de Foz”.

O concelleiro de Mar focense anunciou tamén que “o domingo a partir das dez da mañá pola rúas de Foz haberá actuacións de grupos folclóricos tradicionais e da charanga NBA e as racións de berberechos serviranse nos locais hostaleiros da vila”.

Fernández Manín rematou a súa intervención agradecendo “a todas as persoas que colaboran nesta festa, como o persoal do Concello que axuda desinteresadamente e á asociación Sempre Foz. Tamén contamos coa colaboración da Xunta de Galicia, da confraría de pescadores local, da asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Foz e da Deputación de Lugo”.