No Cenima, en Foz, pódese visitar ata o 29 de novembro a exposición "Galiza un país de festas, ritos e festivos singulares".

A exposición “Galiza un país de festas. Ritos e festivos singulares”, incluída no programa de Exposicións Itinerantes da Rede Museística do Museo de Lugo, estará en novembro en Foz.

A Concellería de Patrimonio celebra así o Día Internacional do Patrimonio Mundial que se conmemora o 16 de Novembro. Trátase de poñer en valor neste caso o patrimonio inmaterial recollido nun Proxecto de salvagarda que durante os últimos anos levou a cabo a Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Principiou no ano 2007 baixo a coordinación da Asociación Lugo Patrimonio, co obxectivo de dinamizar e consolidar seis ritos festivos singulares do sur da provincia de Lugo, e de conservar e revitalizar os seus espazos xeográficos, castigados polo grave despoboamento.

Dende o principio, colaboraron activamente as asociación organizadoras destas 6 festas: Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao (Chantada), Asociación de Veciños de Salcedo (A Pobra do Brollón), Asociación Cultural As Fachas (Castelo, Taboada), Asociación de Veciños San Martiño de Vilelos (O Saviñao), Asociación Xuvenil e Cultural ‘Os Turulecas’ (A Cervela, O Incio) e Asociación Cultural Souto do Val (A Ermida, Quiroga). 

A exposición consta de 40 paneis explicativos deste patrimonio inmaterial e estará no Cenima entre o 2 e o  29 de novembro.