Nordés organiza a xornada "Petiscos do Camiño dos Arrieiros". Será o 18 de xullo. O recadado irá destinado ao Banco de Alimentos Rías Altas.

A asociación Nordés organiza este sábado, 18 de xullo, unha actividade titulada Petiscos do Camiño dos Arrieiros co fin de recoñecer polo miúdo a vida actual e pasada do trazado e os seus arredores.

A xornada desenvolverase de 9:00 a 14:00 horas e percorrerá diferentes puntos de interese dunha parte do trazado do Camiño dos Arrieiros entre As Pontes e As Grañas do Sor, como son a praza da Igrexa das Pontes, o miradoiro de Garabatos, as fervenzas de Somede, o lugar do Freixo, o Forno dos Mouros e o Cristo de Mouraz. Participarán nesta xornada Xosé María López Fernández, técnico en xestión cultural de Cultureume SC; Antonio Martínez Pernas, técnico superior en Xestión e Organización dos Recursos Naturais; e Pepe Riola, investigador etnográfico das serras da Capelada e a Faladora.

A saída será ás 8:30 horas do Barqueiro e ás 9:15 horas, da Igrexa das Pontes. A xornada é de balde para as persoas asociadas a Nordés e terá un custe de 2 euros para aquelas que non o son. A cantidade recadada, máis 50 euros da asociación será doada ao Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña.

A asistencia estará limitada a 25 persoas que terán que empregar os seus vehículos particulares para desprazarse. Os participantes deberán seguir as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do Covid-19, como empregar mascarilla e manter as distancias de seguridade interpersoal.

As inscricións poden facerse a través do e-mail asociacion.nordes@gmail.com ou no número de teléfono 653 756 454.