A nova campaña da Pancha, a moeda local de Ribadeo, arranca o 1 de setembro con máis de 100 establecementos adheridos.

A nova campaña da Pancha, a moeda local de Ribadeo, arranca mañá, mércores 1 de setembro, con máis de 100 establecementos adheridos.

O alcalde en funcións e concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “o Concello de Ribadeo vai poñer a rodar 600.000 Panchas para facer medrar a economía local, apoiando o comercio de proximidade, a hostalaría e o sector servizos de Ribadeo. Este ano a campaña da Pancha dá un paso máis, dixitalizando todo o proceso de adquisición e de compra e simplificando todas as operacións. Deste xeito tanto para comprar as Panchas como para facer os cobros unicamente se precisa un teléfono móbil tipo Smartphone. Así as Panchas poderán adquirirse dende o móbil en fraccións de 30 euros, polos que se obterá un contravalor de 40 Panchas, e ata un máximo de 7 packs por cada persoa participante, o que supón que por cada 210 euros obtéñense 280 Panchas. E o Concello axuda con 10 euros por cada 30”.

Pablo Vizoso sinalou que “ao igual que outros anos, cada operación admitirá un máximo de 80 Panchas, debendo abonarse o importe restante en euros se o total da compra fose superior. Non se admitirá o pago para bebidas espirituosas”.

O rexedor municipal en funcións destacou que “nesta terceira edición a moeda local ribadense consolida a súa presenza nas rúas e facilita a adquisición de Panchas a persoas de localidades veciñas tamén, ao non ter que acudir ao banco a facer o troco de euros por Panchas. Para adquirilas simplemente hai que entrar na web www.pancharibadeo.com e seguir os pasos que se van indicando para descargar o PanchaPeto, un moedeiro dixital que se poderá ir enchendo ata un máximo de 280 Panchas. Este moedeiro consta dun código QR que se irá actualizando cada vez que se faga un pago en Panchas”.

Ademais Vizoso aproveitou para lembrar que “respondendo ás peticións de diversos establecementos que tiñan unha gran carga de traballo nestes últimos días de agosto e non puideron facer o trámite de adhesión, decidimos ampliar o prazo para que se poidan adherir a esta campaña das Panchas do 2021 ata o día 10 de setembro”.