A nutrición e os hábitos de consumo do peixe serán analizados nas XXV Xornadas Técnicas Expomar, que se celebrarán en Burela os días 3 e 4 de maio.

As XXV Xornadas Técnicas Expomar, que se desenvolverán os días 3 e 4 de maio, serán inauguradas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e clausuradas polo presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos. Nesta cita abordaranse temas como a política pesqueira comunitaria e os hábitos de consumo, nutrición e trazabilidade. O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, fai unha chamada ao consumidor a asistir á mesa redonda do venres, debido aos temas que se abordarán: a importancia do peixe na dieta nutricional, a trazabilidade, o etiquetado e a información ao consumidor, entre outros. Paralelamente o venres, día 4, tamén se celebrará o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras.

Llano subliñou que “este ano ten a particularidade de ser o 25 aniversario, o cal ven indicar que hai interese desde a Fundación Expomar en estar sempre co sector pesqueiro tanto de Burela como da comarca da Mariña e de toda Galicia. Sempre mirando de favorecer a información, a participación e aquelas cuestións que poidan preocupar á xente do sector, dar un respaldo e estar aí sempre pensando en ter un sector ben coidado”. 

Para o alcalde burelés “é un sector que debe preocuparnos a todos para que non soamente non baixe senón que suba, que se implante e vaia medrando. Hai que ter en conta que é unha actividade profesional que dá moita economía á nosa comarca, ao concello de Burela, e ao mesmo tempo temos que procurar que exista información e motivación suficiente para que moitas persoas estean interesadas en seguir coa actividade, e desta maneira asegurar unha continuidade durante o tempo dunha forma sostible e ben levada”.

O rexedor contou que “o día 3 todas as ponencias van orientadas ao sector profesional, aos armadores, á xente que traballa en diversos departamentos de pesca e todo aquilo que ten que ver co sector. Van tratarse os temas do brexit, dos descartes, temas que preocupan agora mesmo e que se están negociando en Bruxelas”.

Alfredo Llano engadiu que “o segundo día, tamén para min é moi importante porque, as ponencias que se van expoñer pola tarde, van encamiñadas a que toda a xente que queira acudir, aínda que sexa profana no tema pero como consumidora ou interesada de ver como funciona o mundo do mar, imos dar temas de nutrición, de trazabilidade, de consumo, cal é o produto que máis se vende, o produto que se pode atopar en diversas fórmulas, etc..., todo aquilo que sexa información sobre unha boa maneira de consumir o peixe”.

O presidente da Fundación Expomar salienta que “imos ter o día 4 pola mañá o encontro empresarial que tamén é fundamental para estas xornadas, dado que aquí concéntranse en Burela moitisimos profesionais que veñen de diversos sitios de toda Galicia, ademais de Asturias e doutros lugares e debaten sobre aqueles problemas polos que teñen máis preocupación agora mesmo no sector. Unha vez que rematan sacan sempre unhas conclusións que mandan ás diferentes institucións, departamentos e asociacións pesqueiras para que se teñan en conta”.

Llano invita “a todo o mundo a participar, a que se achegue a Burela os días 3 e 4. Pensamos que vai ser unha boa maneira de descubrir o mundo do mar, o sector pesqueiro e de ver os problemas que agora mesmo preocupan ao sector, e como temos que facer para que isto sexa unha actividade duradeira no tempo, importantísima na economía e tamén moi importante no social. Entre todos trataremos de construír unha forma positiva de ver a pesca como un elemento imprescindible para todos nosoutros”.

Na presentación que tivo lugar esta mañá no Concello participaron ademais do alcalde, a concelleira de Mar, Patricia Otero, a deputada de Economía e Recadación, Mayra García, o xefe territorial da Consellería do Mar, Pablo Fernández, a xerente da Fundación Expomar, Catalina Sánchez, e representantes de Absa, da OPP e da confraría de pescadores de Burela.