O 10 de outubro estará nas librarías a novela "A raíña das velutinas", do alfocés Lionel Rexes. A obra foi premiada hai uns meses no Grove.

O día 10 chega ás librarías A raíña das velutinas, a novela de Lionel Rexes premiada no certame Lueiro Rey do Concello do Grove hai uns meses.

A obra foi editada por Xerais e en breve será presentada en diversas localidades da comarca, non obstante, poderá ser adquirida a partires deste martes.

O autor conta con seis galardóns anteriores obtidos en certames de relato curto, entre eles o Pedrón de Ouro e o Lonxa Literaria.

A presentación oficial desta novela terá lugar no mes de outubro no Concello do Grove (en data aínda por concretar); o seguinte acto de presentación celebrarase na Casa da Penela (Vilamor, Mondoñedo), lugar onde se desenvolve boa parte da acción da novela. 
Desta obra, o xurado do premio grovense salientou: “o seu brillante labor de documentación e as historias amenas que se entrecruzan na trama principal”.

Nestes días, o autor publicou no perfil de Facebook A Raíña das Velutinas-Novela unha serie de artigos explicando a xénese da novela; desde o instante en que foi convidado á aquel discreto encontro nunha casa de turismo rural até o momento da redacción do texto, pasando por certas vivencias experimentadas na Casa da Penela, nomeadamente os feitos que lle proporcionaron as claves máis interesantes para recrear a ficción.

Lionel Rexes impulsa desde hai case tres anos a bitácora literaria Vasoiras de xibarda, un blog nutrido coas experiencias literarias que se van producindo ao redor do escritor.
É tamén, un dos organizadores do encontro estival de escritores Ponte Literaria.

Na madrugada do día 12, o alfocés será entrevistado nun programa especial da Radio Galega que se emitirá desde O Valadouro con motivo da Feira do Mel.