O 11 de febreiro terá lugar en Foz unha nova edición do Touporroutou, unha cita clásica do Entroido focego

A asociación cultural A Pomba do Arco organiza o domingo, 11 de febreiro, a partir das 20:30 horas no salón de actos do colexio Martínez Otero, de Foz, unha nova edición do Touporroutou, espectáculo xa clásico do Entroido focego, que como en anteriores ocasións correrá a cargo do grupo Touporroutou Teatro e o grupo de pandeireiteiras da Subela.

A Pomba do Arco quere convidar a todos os veciños e veciñas de Foz a colaborar con esta actividade, agudizando o enxeño e achegando as súas coplas ás diversas caixas colocadas en establecementos de Foz. A entidade organizadora indica que estas caixas atópanse “Eskina”, “Leyton”, “Happy Days”, “Xoyma”, “Anduriña”, “Muelle Bar”, “Cevexaría Augas Santas”, “Casa Damián”, “Pachán”, “A Bolera”, “Dandy” e “Xoiña”

O colectivo organizador introduce unha nova posibilidade de participación para a veciñanza. Neste sentido, abre unha conta de correo electrónico, apombadoarco@gmail.com para que os veciños que o desexen acheguen a súa composición ou copla pola vía dixital. Asemade, a entidade sinala que a data tope para a entrega das coplas nas caixas depositadas nos establecementos hostaleiros é o venres 8 ás 20:00 horas.