O 11 de novembro a praia das Catedrais será escenario dunha actividade organizada por Adega e a Universidade de Vigo. Trátase de extraer o lixo do areal.

O 11 de novembro terá lugar unha limpeza simultánea de praias de Galicia. Trátase dunha actividade que organizan Adega e a Universidade de Vigo. En Ribadeo actuarase no areal das Catedrais, segundo informan desde a Concellería de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño. 

As persoas que desexen participar nesta iniciativa, coa que colabora o Concello de Ribadeo, deben dirixirse a adegalugo@adega.gal ou ao teléfono 686 11 87 22. 

O encontro para proceder á limpeza da emblemática praia das Catedrais será no aparcamento do areal o 11 de novembro (sábado) ás 15 horas. Esta tarefa prolongarase ata as seis da tarde. 

No protocolo para a limpeza dos areais, elaborado por Adega e a Universidade de Vigo, subliñan que “a costa galega conta con innumerables praias que lamentablemente continúan a recibir toneladas de lixo. Boa parte dos residuos que atopamos nelas son plásticos. Alén do seu impacto visual, supoñen un grave perigo para a flora e a fauna mariñas; nomeadamente para algunhas especies ameazadas como os cetáceos, tartarugas ou aves mariñas, xa que inxiren plásticos confundíndoos con alimento”. 

E engaden que “outro dos problemas é que o plástico acaba desfacéndose en pequenos anacos (microplásticos) que son inxeridos por numerosos organismos, dende invertebrados ata peixes e aves… a mellor maneira de actuar ante este problema é reducir o consumo diario de plástico, reutilizar o máximo posible e reciclar. Tamén podemos botar unha man, pasando á acción directa e retirando o plástico acumulado nas nosas praias”.