O 11 de setembro arrinca unha nova edición do programa "Aquí?... coma de 20!", nas parroquias de Ribadeo.

O vindeiro luns, 11 de setembro, arrinca unha nova edición do programa Aquí?... Coma de 20!. Un cento de veciños e veciñas das parroquias ribadenses participan nas actividades ofertadas polo Concello. 

Desde a Concellaría de Igualdade lembran que “Aquí?… Coma de 20! comezou no ano 2013 cunha ampla proposta de actividades enfocadas a aquelas persoas maiores de 65 anos e que están a vivir nas parroquias de Ribadeo. Durante este tempo o proxecto inicial aquelouse ás actividades que máis éxito tiveron entre as persoas participantes así como ás necesidades que se detectaron”.

E engaden que “2015 iniciouse cun obradoiro de memoria que contemplou as parroquias de Cedofeita, Remourelle, A Devesa, Rinlo e Couxela, co que imos continuar neste novo período. Concentrando as actividades nestas parroquias conseguimos que as persoas usuarias tamén se desprazasen, ben por horario ou por proximidade”. 

Na Concellaría de Igualdade sinalan que “non só están a participar persoas maiores de 55 anos, como se formulou nun primeiro momento, senón que coa evolución da actividade, así como coas novas necesidades que se van creando no entorno, propiciaron que se puidera abrir o campo de idade”.

Desde este departamento do Concello indican que “o 2016 foi se cadra á consolidación total do programa Aquí?... como de 20!!, que se puido apreciar na clausura da actividade que tivo lugar no mes de xuño e foi todo un éxito de asistencia, emocións e moitas ilusión por seguir coa actividade de lecer. Vimos caras que xa nos son familiares dende que esta experiencia comezou a súa andaina, pero tamén novas incorporacións que van xurdindo en cada parroquia. Estamos presentes nas redes sociais. Creamos unha páxina de facebook, https://www.facebook.com/aquicomade20/?fref=ts,creamos grupos de whatsapp a raíz de iniciarnos nas novas tecnoloxías, andamos á procura de novos lugares que explorar, así como a creación de canles de comunicación interparroquial”. 

Desde a Concellaría de Igualdade seguen a relatar que “neste comezo de 2017 puidemos ampliar o número de lugares nos que realizamos as nosas Tardes de Lecer así como incrementar actividades tanto de carácter endóxeno como exóxeno e tamén tivemos un considerable incremento do número de participantes de tódolos eidos e idade. Neste percorrido desde xa aneiro ata xuño, puidemos participar en cursos sobre o manexo de móbiles, colaborar coas diferentes actividades do Concello: A Chocolateira, Ribadeo Indiano, Coñece o teu corpo así como aqueles días especiais Letras galegas, Ribadeo en Negro, Diversidade Sexual, así como en sendas campañas de solidariedade e de reivindicación Erguemos o bastón contra a mala educación esixindo respecto pola terceira idade”.

Finalmente lembran que “o número de participantes que participaron na excursión a Alfoz-Valarouro, foron un total de 75 persoas, e a pesares das inclemencias do tempo, a experiencia foi totalmente satisfactoria e con moitas ganas de poder repetir, é poder gozar doutras actividades”. E subliñan que “debido ao éxito acadado estes anos e ao ver o incremento tanto de participación como de actividades novidosas, así como das parroquias nas que se ofertan estas actividades, a aventura volta a comezar despois das festas da Patroa de Ribadeo, con actividades máis variadas tanto dentro como fóra da parroquia. Agardamos un incremento de usuari@s da actividade, hoxe contamos con 92 persoas que están a desfrutar destas Tardes de Lecer polas parroquias de Ribadeo”.

Os horarios das actividades que darán comezo o vindeiro 11 de setembro son os seguintes: 
-De 16 a 18 horas haberá tardes de lecer os luns en Vilela, os martes en Cedofeita, os mércores en Rinlo, os xoves en Cinxe e os venres en Santalla de Vilaosende
-E de 18:30 a 20:30 horas as actividades chegarán os luns a Remourelle, os martes a Vilaselán, os xoves ás Anzas e os venres a Couxela.