O 13 de xaneiro da comezo en Viveiro o ciclo Música nas Parroquias, que organiza o Concello

O Concello de Viveiro, a través da Concellería de Educación, organiza en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Viveiro o ciclo de concertos “Música nas parroquias”, que ten por finalidade levar a diferentes agrupacións do Conservatorio por todo o municipio.

O concelleiro Jesús Fernández Fernández destaca “o compromiso do Goberno local con levar a cultura por todas as parroquias con programas como este, que encherá Viveiro da mellor música”.

A alcaldesa, María Loureiro, sinala pola súa banda que o ciclo pretende tamén “promocionar e impulsar aos e ás artistas musicais viveirenses, visibilizando o seu enorme talento”.

O ciclo comeza este sábado día 13 de xaneiro, ás 20:30 na Casa do Forno de Celeiro. Actuará o grupo de música pop rock Brétema Band, pertencente á Asociación de Adultos do Conservatorio, presidida por Mario Vale.

Brétema Band é un grupo composto por antigos músicos da Banda Municipal de Viveiro, da Orquestra Variedades e de diferentes agrupacións da Mariña, ademáis de por músicos amateurs. Ten un repertorio musical moi variado, onde está presente a música dos anos 60, 70 e 80, ademáis da música das antigas orquestras de baile.

O conxunto está dirixido por Lino Rico Fernández e conta como vocalistas con Pedro Cora e Mario Vale. A súa formación consta tamén de teclados, guitarra, baixo, dúas trompetas, saxo alto, saxo tenor, trombón, batería e percusión.