O 14 de agosto terá lugar a IV Festa do Ovo Frito no campo de fútbol do Cascabeiro en San Cosme. O evento está organizado polo Celta Barreiros.

O vindeiro domingo, 14 de agosto, celebrarase a IV Festa do Ovo Frito, co obxectivo de recadar fondos para o Celta Barreiros. Será a partir das 19:30 horas no campo de fútbol do Cascabeiro, onde haberá cea e verbena. 

O presidente do Celta Barreiros, José Manuel García Cela, explica a celebración: “levamos varios anos facéndoa, esta é a cuarta edición porque estivo suspendida dous anos pola pandemia que houbo, entón este ano retomámola outra vez. Consiste en recadar algún fondo para o equipo de fútbol, que se necesita todo porque hai moitos equipos, hai pouca afección e as televisións levaron a toda a xente que viña ao fútbol polas tardes”.

O prezo da cea é de 10 euros, con venta anticipada os tíckets poden adquirirse a 8 euros no centro social de Barreiros ou contactando cos membros da organización. García Cela indica que “isto é o domingo, 14 de agosto, empezamos a repartir ceas a partir das 19:30 da tarde. Consiste en patacas, ovos e chourizo, pan e cervexa, viño ou auga ata que se acaben as existencias. Vendemos as entradas anticipadas a 8 euros, na billeteira van ser a 10 euros”. Os asistentes comerán sentados. 

As expectativas de asistencia para o presidente do Celta Barreiros son boas: “nas últimas edicións sempre fomos aumentando xente, empezamos sobre 500 persoas o primeiro ano, xa pasamos a 1000 o segundo, 1500 o terceiro, e este ano contamos con que andaremos polas  2500 persoas ou por aí. Haberá despois das nove e media da noite verbena cun grupo de Foz, Son’s Varadero, e despois un DJ ata que o corpo aguante”.