O 14 de maio arranca en Ribadeo a primeira estratexia alimentaria participativa de Galicia.

O venres, 14 de maio, ás 17 horas no salón de plenos do Concello de Ribadeo (Lugo) terá lugar o xornada pública de arranque da Estratexia Alimentaria Participativa Eo Alimenta.

Os territorios de Ribadeo, Trabada, Barreiros, A Pontenova xunto aos asturianos de Santirso de Abres, Vegadeo, Castropol, Taramundi e Tapia de Casariego súmanse para pensar entre todas e todos como se pode acadar unha alimentación máis san, xusta e sostible. Esta pioneira estratexia participativa é un proceso aberto co que, a través de diferentes encontros públicos, irase creando de xeito colectivo un plan coas accións correspondentes que axuden a conseguir un sistema alimentario máis sostible neste territorio galaico-astur.

Esta pioneira estratexia é un compromiso pola transición ambiental e o camiño de cara a consecución dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible 2030 que determina a ONU. A través desta estratexia preténdese impulsar un modelo de produción e distribución alimentario máis sostible, máis local e polo tanto cunha menor pegada ecolóxica, para iso é necesario a participación de produtores, distribuidores, técnicos das administracións públicas, asociacións locais, ou investigadores universitarios.

A Estratexia Alimentaria Participativa do Eo é impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela, e conta na rede de socios co Concello de Ribadeo, o Sindicato Labrego Galego, a Fundación Edes-Finca el Cabillón, O GDR Oscos Eo, o GDR Terras de Miranda e dispón ademais, do financiamento da prestixiosa entidade franco española Fundación Daniel e Nina Carasso. A web www.eoalimenta.org irá recollendo todos os pasos que se vaian dando nesta pioneira estratexia alimentaria. 

Eo Alimenta seguirá a metodoloxía da Investigación-Acción-Participativa para acadar a maior participación posible de todos os axentes interesados nunha alimentación máis sostible. Nesa primeira sesión pública contarase ademais coa presenza dos profesores universitarios Lourenzo Fernández Prieto e Emilio Carral, ambos expertos da produción alimentaria. Ademais abrirase un espazo de reflexión co que pensar entre todos as principais problemáticas do sector alimentario local.

Ao longo deste ano desenvolveranse máis sesións abertas co obxectivo de acadar un Plan Alimentario consensuado a principios de 2022. Así haberá sesións de traballo grupal que se combinarán con sesións abertas coas que se irán abordando cuestións como a relación entre o xénero e a alimentación ou a necesidade de impulsar circuítos de comercialización curtos. Eo Alimenta súmase así a outros procesos impulsados en territorios como Valencia ou Valladolid, sendo a primeira vez que se fai un proceso participativo para a creación dunha estratexia alimentaria en Galicia.