O 16 de abril celébrase en Riotorto a XIV Feria do Ferro, despois de tres anos sen este evento por mor da pandemia da covid.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, participou esta mañá na presentación da XIV edición da Feira do Ferro que se celebrará en Riotorto o próximo 16 de abril, despois de tres anos. O evento está organizado polo Concello e pola Asociación de Ferreiros de Riotorto e conta co apoio da Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, cunha achega económica de 10.000 euros. 

Durante a presentación, o delegado destacou a relevancia deste evento como punto de encontro para os profesionais dos oficios do ferro, como espazo para que as novas xeracións atopen referentes do oficio, como visibilizador desta artesanía de cara á sociedade e aos consumidores, ademais de como dinamizador económico e cultural da comarca. Destacou tamén o compromiso da Xunta coa Feira do Ferro de Riotorto, coa que colabora dende a súa creación no ano 2007 e na que xa leva investidos preto de 80.000 euros. 

Internacionalización
Os obradoiros artesanais de Riotorto Jomaca e Maf Artesanía, especializados na elaboración de coitelos, participaron en diferentes ocasións na feira profesional de decoración Formex, que se celebra en Estocomo (Suecia), da man de Artesanía de Galicia.

A través da Fundación Artesanía de Galicia, as pezas destes dous obradoiros formaron parte do stand institucional que a marca presentou nesta feira de referencia no mercado nórdico entre os anos 2017 e 2020, coa que se buscaba impulsar a comercialización do produto artesán galego nos mercados de toda Europa.