O 17 de marzo celébrase a XXVII Festa do Ourizo en San Ciprián. Haberá cociña en vivo, degustacións e música.

A cita foi presentada este mediodía polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, as edís de Turismo e Cultura, Manuela Méndez, e Dolores García Caramés; e por representantes da hostelaría local. 

A Festa volve contar cun programa repleto de actos e actividades que xirarán ao redor do protagonista ese día, o ourizo.

Deste xeito, avanzaron, que “un ano máis organizamos un show cooking, que terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos, a partir das 12:00 horas do mediodía, no que gozaremos vendo as habilidades culinarias en vivo de tres prestixiosos chefs que cociñarán ante os asistentes innovadoras receitas elaboradas coa base do ourizo: Pepe Vieira, do Restaurante Camiño da Serpe, Diego López, do Restaurante La Molinera, e Pedro Martino, do Restaurante Naguar, da veciña Asturias.

Ao remate do show cooking os asistentes terán a oportunidade de probar o resultado desta cociña de vangarda centrada no produto estrela da Festa.

Como en anteriores edicións tamén se celebrará un concurso gastronómico que está aberto aos locais da hostelaría de San Ciprián que participan na festa e que ofrecerán tamén aos visitantes tapas elaboradas a base de ourizo coas que desmostrarán o inxenio e bo facer que caracteriza aos cociñeiros locais. 

Os locais participantes poderán presentar ata dúas especialidades que serán catadas polos membros do xurado, que serán os encargados de determinar cales son as tapas vencedoras. 

Méndez recordou que “durante todo o día os asistentes poderán degustar as tapas nos diferentes establecementos participantes, e tamén na carpa, onde se servirá ourizo cocido da man, nesta ocasión, da asociación MIstura; e ademais, non faltará animación –engadiu- porque a festa estará amenizada todo o día a cargo da Charanga Aturuxo, Os Charangos, A Rebolaxe, Perkusiona e Airiños do Xunco”.

Como novidade este ano haberá sesión vermú contra as 14:00 horas a cargo da orquestra Abanico, que volverá para pechar a xornada ás 22:00 horas.

Tamén estará presente nesta edición Conservas Artesanais Ares, que ofrecerá oas visitantes unha degustación do seu paté de ourizo.

Ademais, ás 18:00 horas está previsto un masterchef infantil que estará coordinado por Diego López, “co obxectivo de que os máis pequenos da casa tamén tomen contacto co ourizo e poidan elaborar pratos sinxelos; pero que de seguro nos sorprenderán”.

Villares aproveitou a ocasión para convidar a todo o mundo a asistir nesa xornada a San Ciprián, para participar nesta festa declarada de Interese Turístico Galego, que naceu do  pobo e pervive no tempo grazas ao esforzo conxunto; unha Festa que forma parte xa do patrimonio cultural de Cervo e da súa historia, e que, polo tanto, dende o Concello consideramos primordial poñer en valor, e render homenaxe a un marisco tan ligado a nós que co tempo, grazas en boa parte a esta celebración con máis dun cuatro de século de vida, está a acadar o recoñecemento e a sona que merece” .

O rexedor recordou que vai non tantos anos o ourizo empregábase ata para abonar a terra, era un produto de segunda categoría, e pola incidencia do propio mercado; e grazas tamén en boa parte á contribución desta Festa, pouco a pouco logrou facerse co sitio que lle corresponde “e estamos orgullosos de que o nome de San Ciprián estea hoxe tan ligado ao do ourizo, de que en moitos lugares de Galicia sexamos coñecidos por ser un referente deste produto, que é unha delicatesen e unha exquisitez para o paladar e que a día de hoxe acadou un valor acorde coa súa natureza”.