O 18 de xaneiro terá lugar na Librería Bahía, de Foz, a presentación do libro "Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio", de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo.

A asociación cultural A Pomba do Arco organiza o 18 de xaneiro ás 20:30 horas na Libraría Bahía,  de Foz, a presentación do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, no que tomarán a palabra os autores do volume Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo.

Segundo os organizadores “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio é unha investigación histórica sobre o roubo do Pazo de Meirás pola familia do ditador Francisco Franco, sinalando os procedementos seguidos para facerse irregularmente coa propiedade e as presións para obrigar, mediante sancións económicas, ás galegas e galegos a achegar os fondos para o mesmo”.

E engaden que “o volume achega ao tempo un estudo sobre a represión económica no franquismo, facendo un percorrido por casos semellantes aos do Pazo de Meirás ao longo da xeografía galega así como das multas e requisas utilizadas como forma de castigo aos demócratas, incluíndo casos da comarca de A Mariña”.