O 19 de xuño terá lugar a estrea das audioguías de Lourenzá e Alfoz. Trátase da ampliación dun proxecto da Mancomunidade de Concellos da Mariña.

O vindeiro 19 de xuño terá lugar a estrea das audioguías ficcionadas de Lourenzá e de Alfoz, que se suman ás xa existentes de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Esa fin de semana, os días 19 e 20 deste mes, terán lugar varios paseos ficcionados que contarán coa presenza dos actores de Chévere, o grupo de teatro que deseñou e elaborou este proxecto para a Mancomunidade de Concellos da Mariña e no que colaboran a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia e os concellos escenarios das audioguías.

Con motivo da presentación o próximo 19 de xuño das novas audioguías ficcionadas para Lourenzá e Alfoz, estes dous concellos xunto aos de Mondoñedo e Ribadeo, á Mancomunidade e á compañía de teatro Chévere poñen en marcha a iniciativa Chévere acompaña as audioguías ficcionadas da Mariña Lucense, acción coa que se pretende poñer en valor e dar a coñecer este orixinal proxecto entre os visitantes e a propia veciñanza da Mariña Lucense.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “nos últimos anos, dende a Mancomunidade vense traballando na dinamización e promoción da Mariña Lucense como un destino turístico rico e diverso do norte de Galicia, onde produtos asociados a un turista curioso, respectuoso e sensible co territorio como son o turismo slow, o turismo cultural, o turismo de natureza, o xeoturismo, o gastronómico, etc, unidos á privilexiada contorna natural e á gran diversidade e riqueza cultural funcionen como produtos tractores da demanda turística ao territorio”.

Cajoto subliñou que “neste contexto, o obxectivo de continuar a desenvolver as audioguías ficcionadas, é o de achegar valor aos visitantes e tamén á propia veciñanza a través de experiencias diferenciadoras, favorecendo a súa permanencia e a desestacionalización e fortalecendo o posicionamento da Mariña Lucense como destino slow, sostible e de calidade”.

A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explicou que “as audioguías ficcionadas foron deseñadas e elaboradas polo Grupo de Teatro Chévere, compañía con máis de 30 anos de traxectoria,  gañadora do Premio Nacional de Teatro de 2014 e que se converteu no grupo de teatro máis prolífico e coñecido da historia recente de Galicia cun recoñecido prestixio tamén a nivel nacional. No proxecto colaboran tamén a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, e participan os concellos escenarios das guías: Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro”.

E indicou que “en 2018 e 2019 puxéronse en marcha as audioguías das vilas históricas e portas de entrada ao xeodestino de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro en galego, castelán, inglés e francés e agora en 2021 súmanse ao proxecto as do Castelo de Castro de Ouro en Alfoz e a vila de Vilanova de Lourenzá, polo momento, só en galego, aínda que proximamente serán traducidas ao castelán e a medio prazo ao inglés e francés. Cada audioguía conta cun enfoque, un tratamento e un formato diferenciado, que buscan a implicación emocional por parte da persoa que escoita: provocar a curiosidade e promover que se fagan os distintos paseos”. 

Fran Cajoto dixo que “se trata dunha iniciativa pioneira en España, que utiliza unha serie de recursos documentais e literarios, mapas sonoros, dramatizacións, entrevistas, voces narradoras, música… para crear unha proposta turística amena e suxestiva, que transcende á audioguía máis tradicional, que normalmente se limita á descrición dos recursos. Neste caso, proponse unha atmosfera, un ambiente moi persoal, que evoca a esencia de cada espazo e introduce ao visitante polos diferentes recursos turísticos da cidade, guiándoo e acompañándoo, dándolle a coñecer lugares e anécdotas que doutra forma lle sería moi difícil descubrir”.

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña engadiu que “ademais, son un recurso complementario das visitas con guía e mesmo das visitas teatralizadas. As audioguías ficcionadas permiten as visitas individualizadas, en parella ou grupos, sen cita previa e nos días en que as oficinas de turismo están cerradas por descanso, vacacións, etc, con custos de produción reducidos, mantemento mínimo e un prezo baixo para o público final. No contexto covid19, un produto que facilita unha actividade ao aire libre e que se pode realizar de xeito individual, aporta un novo activo á proposta”.

Co obxectivo de poñer en valor este produto e dalo a coñecer entre o público en xeral, a fin de semana do 19 e 20 de xuño terán lugar uns paseos ficcionados, a través destas audioguías, polos concello de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo cunha introdución e coloquio final da man dos seus creadores, a compañía de teatro Chévere.

Os Concellos de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo animan á xente a achegarse ás súas localidades con motivo desta orixinal iniciativa, a pasar unha xornada diferente e enriquecedora da man dunha compañía de teatro de gran prestixio como Chévere e coñecer desta forma, máis en profundidade, parte do seu patrimonio e historia. Con sentidiño, trátase dunha oportunidade única e segura de poder desfrutar de historias ficcionadas e ambientadas nos catro concellos, historias que os fan únicos e diferentes. 

Datas e horas:
19 de xuño. 12horas. Vilanova de Lourenzá. 
Historias que resoan na voz dun neno chamado Fernández del Riego (GAL)
Presentación e coloquio con Manuel Cortés e Xron

19 de xuño. 19 horas. Ribadeo.
Unha banda sonora orixinal para imaxinar a película do legado indiano
Ribadeo, alén do tempo (GAL e ES).
Presentación e coloquio con Miguel de Lira e Xron

20 de xuño. 12 horas. Alfoz.
O Mariscal: mito, lendas e novas do último guerreiro medieval (GAL) 
Presentación e coloquio con Patricia de Lorenzo e Xron

20 de xuño. 17 horas. Mondoñedo.
Mondoñedo e familia. Cunqueiro na voz da veciñanza.
Mondoñedo e familia (GAL e ES).
Presentación e coloquio con Patricia de Lorenzo e Xron

A duración dos paseos é duns 45 minutos, aos que hai que sumar a introdución e posterior coloquio. Facilitaranse auriculares. O aforo será limitado e será obrigatorio o uso de máscara en todo momento, xel hidroalcohólico e a distancia física de 2 metros entre persoas non convivintes. Información e reservas: turismo@amarinalucense.gal, teléfono: 654 089 894 e na web amarinalucense.gal