O 21 de maio haberá sesión vermú no XII Ribadeo de tapeo da man de Os Minhotos. Xa se serviron 25.000 tapas.

A XII edición do Ribadeo de Tapeo conclúe esta fin de semana. Hoxe a partires das 20:00 horas haberá Cantos de Taberna nalgúns dos establecementos participantes. Mañá, sábado, terá lugar un festival infantil de música no Teatro ás 17:00 horas, e o domingo o grupo Os Minhotos ofrecerá unha sesión vermú na praza de abastos.

A concelleira de Turismo, Ana Martínez, declarou que “xa nos atopamos na recta final do Ribadeo de Tapeo e hoxe poderemos gozar dos esperados e dos exitosos Cantos de Taberna que arrancaron o ano pasado. A partires das oito da tarde poderemos gozar desta segunda edición dos Cantos de Taberna dentro do Ribadeo de Tapeo. Polos diferentes establecementos poderemos seguir os cantos populares de 50 persoas que son os participantes nesta segunda edición”.

A edil dixo que “non soamente imos hoxe saborear tapas das que xa van un número bastante considerable, sobrepásase xa as 25.000 tapas servidas, senón que tamén podemos gozar de música e cantos populares”.

Martínez anunciou que “ademais mañá, sábado, haberá no Teatro a partires das cinco da tarde, un festival infantil organizado por Amigos da Gaita. E o domingo na praza de abastos, teremos sesión vermú para acompañar as tapas no derradeiro día do Ribadeo de Tapeo, a cargo do grupo Os Minhotos, que nos permitirá gozar e bailar”.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo quere “convidar a todo o mundo a que se achegue. Quen aínda non se achegou a probar as tapas que veña rapidiño que son 52, e hai que facer as rutas e probar as tapas, e desde logo tamén a gozar da música e das diferentes actividades que propón Ribadeo para esta fin de semana”.