O 21 de novembro as Pandereteiras de Amigos da Gaita actuarán nas Anzas e no auditorio municipal de Ribadeo haberá concerto con De Botóns.

Este domingo, 21 de novembro, ás 17:00 horas, actuarán nas Anzas as Pandereteiras da Asociación Amigos da Gaita, continuando co ciclo Cultura nas Parroquias.

Tamén o domingo ás 20:00 horas no Auditorio Hernán Naval, ofrecerá un concerto De Botóns cunha selección de repertorio tradicional galego e das comarcas da contorna adaptadas e arranxadas para o instrumento chamado de botóns, que era como se lle chamaba ao acordeón diatónico en moitas zonas de Galicia. Ademais engádese un apartado de fotografías históricas de acordeonistas cun empeño singular por parte dos autores de rescatar fotos onde aparecesen mulleres tocando un instrumento tradicionalmente vinculado ao home. Despois de cinco anos dun traballo de recompilación de fontes orais e escritas, Carlos Quintá e Pedro Pascual presentan esta antoloxía de repertorio que xurde tanto dos propios acordeonistas tradicionais coma doutros instrumentos como o violín, a gaita, a zanfona ou a requinta.

O sábado, 27 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval, presentarase a obra Juntos. Baixo a dirección de Juan Carlos Rubio, o elenco artístico está composto por Kiti Manver, Gorka Otxoa, Inés Sánchez e Marta Velilla. As entradas pódense adquirir en www.gameoverpro.es. 

Ademais a exposición Os viquingos de Playmobil desembarcan en Ribadeo pódese visitar de luns a sábado en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.