O 25 de xuño ábrese o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais de verán que organiza o Concello de Burela.

Hoxe presentáronse as escolas deportivas municipais de verán que organiza a Concellería de Deportes de Burela e que se desenvolverán do 2 de xullo ao 24 de agosto. A inscrición ábrese o vindeiro luns, día 25 de xuño. Haberá patinaxe, multideporte e xogos tradicionais, rutas en bicicleta, baloncesto e xogos na praia. No acto celebrado esta mañá participaron o alcalde, Alfredo Llano, o técnico de Deportes, Iván Cao “Lucas”, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey.

O edil burelés anunciou que “hoxe presentamos as escolas deportivas de verán no Concello de Burela. O obxectivo é primeiro que o deporte siga practicándose durante todo o verán en Burela, e eu penso que esta iniciativa axuda a que iso se cumpra, e tamén axudar un pouquiño á conciliación familiar dos papás e das mamás que teñen que traballar. Nosoutros con estas actividades intentaremos que os nenos estean entretidos e que teñan actividade física durante as mañás”.

Ramiro Fernández engadiu que “as inscricións poderanse facer na Casa da Xuventude a partir do luns, día 25, ata o xoves 28, e este ano contamos con actividades como poden ser patinaxe, multideporte, rutas en bicicleta, baloncesto e xogos na praia. Penso que é un programa atractivo, e os horarios de luns a venres van ser de 10:15 a 11:30 horas un grupo, de 11:30 a 12:45 horas outro grupo, e de 12:45 a 14:00 horas outro grupo”.

O concelleiro de Deportes subliñou que “este ano como novidade puxemos unha pequena taxa de 6 euros de inscrición para os nenos porque tíñamos un problema de que había moitos que se apuntaban e despois non asistían ás clases. Entendemos que con esta medida imos intentar evitar dentro das nosas posibilidades que isto suceda, porque había nenos que quedaban fora das actividades precisamente porque outros que se apuntaban por norma a todas as actividades e logo non asistían. Esperamos que se palíe un pouco este problema con esta pequena taxa de 6 euros que vai ser totalmente reinvertida no que van ser actividades”.

Ramiro Fernández Rey quixo “animar a todos os nenos e nenas que queiran facer deporte durante o verán, que o Concello de Burela estará aí para darlles a posibilidade de facelo”.

Nas escolas deportivas de verán do Concello de Burela poderán participar todos os nen@s nad@s entre os anos 2006 e 2012. Estableceranse grupos de 5 a 7 anos, de 8 a 9 anos e maiores de 10 anos.

En todas as actividades hai un máximo de prazas. O grupo de 5 a 7 anos contará con 15, e os grupos de 8 a 9 e maiores de 10 anos con 20 prazas cada un. A adxudicación de prazas farase por rigorosa orde de inscrición, sempre que se cumpran os requisitos. A partir do 28 de xuño poderán achegarse ao Concello e á Casa da Xuventude para comprobar se están admitid@s.