O 26 de agosto terá lugar en As Anzas, Ribadeo, a décima edición da Malla do Trigo.

O vindeiro sábado, 26 de agosto, a parroquia de As Anzas, en Ribadeo, acollerá a décima edición da Malla do Trigo. As tarxetas, incluídas as dos nenos, deben recollerse antes do xoves 24 no restaurante A Pena, en Casa Domingo ou en Multitiendas Teresa.

O inicio da malla será ás 10 horas co asentamento da maquinaria e dos primeiros mollos. A malla estará amenizada con actuacións musicais de Axeigo e Grupo Lume. Ás 12.30 terá lugar o reparto de pan, sardiñas e viño e será ao rematar a malla cando dea comezo a sesión vermú. Nesta ocasión, coa participación exclusiva de Grupo Lume.

A comida ten un custe de 30 euros, pero será de balde para nenos menores de 10 anos. Poderá desfrutarse de mexillóns ao vapor, polbo á feira, costela de porco asada e tarta milfollas.Tamén estará acompañada de pan, viño tinto Rioja crianza, viño branco Godello, cervexa, auga, refrescos, café e licores.

Posteriormente, darán inicio os xogos tradicionais ás 17 horas a cargo do grupo Xostramu. O broche de ouro será unha vez máis coa actuación musical do Grupo Lume.

Tanto o Concello de Ribadeo como a Xunta de Galicia colaboran con esta iniciativa veciñal.