O 27 de xullo terá lugar en Alfoz o IV Maratón de Pintura Rápida. A inscrición debe realizarse no Castelo do Castrodouro.

O Concello de Alfoz organiza a IV edición do Maratón de Pintura Rápida que se celebrará o 27 de xullo.

Poderán participar todos os pintores que o desexen e haberá dúas categorías: infantil (ata 16 anos) e senior.

A temática será referida ao concello de Alfoz podendo reproducir calquera motivo, monumento ou paisaxe do termo municipal. A técnica e as medidas dos traballos serán libres, e o material utilizado será aportado polo participante sendo admitido calquera tipo de soporte (lenzo, papel, cartón,…) con fondo branco. Os participantes poderán situarse en calquera lugar do concello de Alfoz para a realización do traballo tendo que estar localizables para organización.

As persoas interesadas deberán inscribirse no Castelo do Castrodouro, a través do correo electrónico turismo@concellodealfoz.com, ou de forma presencial o mesmo día do maratón de 10:00 a 11:00 horas.

O maratón celebrarase o 27 de xullo en horario de 10:00 a 18:00. Despois as obras deberán ser entregadas no Castelo do Castrodouro e posteriormente serán valoradas polo xurado e expostas. Ás 19:00 horas darase lectura ao fallo do xurado e procederase á entrega de premios.

Haberá tres premios para cada unha das dúas categorías e ademais un premio ao pintor local tamén en ambas. Os traballos poderán ser expostos en locais do Concello de Alfoz ata o 31 de decembro de 2019, pasado ese tempo os autores poderán retiralos e os premiados serán propiedade do Concello.