O 28 de abril terán lugar en Burela unhas xornadas sobre nutrición e saúde mental. Están organizadas pola Fundación Expomar.

A Fundación Expomar organiza as Xornadas de nutrición e saúde mental “Mens Sana in Corpore Sano” para o vindeiro 28 de abril co fin de abordar a importancia do sector pesqueiro no consumo tanto para o coidado da saúde mental como para soster unha boa alimentación.

A Fundación promove entre o 28 de abril e o 12 de maio diferentes actividades, como unha charla informativa sobre nutrición, unha mesa redonda sobre a saúde mental na Mariña Lucense e diversas degustacións de peixe nos locais da Fundación Eu Son en Burela e na residencia da Asociación de Saúde Mental A Mariña en Cervo.

O Alcalde e Presidente da Fundación, Alfredo Llano, abrirá esta primeira xornada do 28 de abril integrada por expertos na materia, nunha aposta por “afondar e dar a coñecer aspectos que contribúen a mellorar a saúde das persoas, tendo o sector pesqueiro como principal fundamento dunha boa nutrición, que repercute positivamente no benestar físico e psicolóxico”. 

A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, tamén estará presente na apertura da Xornada a partir das 18:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Burela. A continuación terá lugar a conferencia “Como alimentar o noso cerebro para mantelo xove”, a cargo do neurólogo Miquel Aguilar Barberá. 

A mesa redonda sobre “A Saúde Mental na Mariña” comezará ás 19:30 horas, moderada polo nefrólogo do Hospital da Mariña Secundino Cigarrán, coas intervencións de representantes da Asociación Saúde Mental A Mariña, a Fundación Eu Son ou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhèimer e Outras Enfermidades Neurodexenerativas de Burela.

O acceso será libre para todas as persoas interesadas en adquirir coñecementos e información que redunden positivamente no benestar con hábitos saudables e tendo a pesca como base nun lugar onde é fundamental este sector produtivo.