O 29 de abril terá lugar en Ribadeo o Día da Xuventude. Será no parque de San Francisco.

O vindeiro sábado, 29 de abril, terá lugar en Ribadeo o Día da Xuventude. Será de 16 a 21 horas no parque de San Francisco. En caso de choiva a xornada trasladarase ao pavillón municipal. 

Esta programación estaba prevista para o pasado 1 de abril, pero adiouse por mor dos tres días de loito oficial decretados polo Concello tras o accidente de tráfico rexistrado en Xove no que perderon a vida catro mozas e mozos de Ribadeo. 

O Día da Xuventude está organizado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables e coa colaboración do Concello de Ribadeo. 

Os mozos e mozas participantes poderán gozar dun amplo abano de actividades totalmente gratuítas:
Gastronomía saudable: xogos educativos e show cooking con produtos locais e de tempada.
Lecer educativo: Fútbol burbulla, futbolín humano, slackline e tiro con arco.
Sensibilización medioambiental: talleres dinámicos sobre a protección do medio, o cambio climático ou a reciclaxe.
Igualdade de xénero: relacións tóxicas vs. relacións de bo trato.
Taller de graffiti: técnicas de aprendizaxe rápida e mural común.
Habilidades para a empregabilidade: dinámicas grupais para a elaboración do currículo ou abordaxe dunha entrevista de traballo.
Información xuvenil: caravana móbil como punto de información de recursos para a mocidade.

En Ribadeo a partir das 20:30 horas actuarán Festra, Glzeta e Dj Maybe LK.