O 30 de agosto preséntase na Casa da Cultura de Ferreira o novo grupo de teatro nacido no Val de Alfoz e Valadouro. Representarán "Brancura".

Vén de nacer un novo grupo de teatro no Val de Alfoz e Valadouro. Son once rapaces novos (o menor de 16 anos, ningún deles chega ós 30), antigos compoñentes do Grupo de Teatro do Instituto Alfoz-Valadouro e do Grupo de Teatro Xuvenil "A Maseira", a maioría deles universitarios ou coa súa carreira xa rematada, que quixeron recuperar a súa presenza nos escenarios preparando unha obra titulada "Brancura". 

Trátase dunha reflexión en clave de humor sobre o propio mundo do teatro afeccionado do que estes rapaces levan formando parte hai xa bastantes anos. Estrearase o día 30 de agosto, ás 22,00 horas, na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro, dentro da Semana do Teatro que cada ano organiza este concello.

Algúns dos rapaces xa actuaron tamén no Grupo Teatral Raiolas. O grupo está formado por Leni Níñez, Claudia Pena, Javier Pernas, Sabela Quirós, Xulia Manín, Pedro López Morillo, Alberto Níñez, Rocío Sixto, Lara Fanego, Xoán Trigo e Ángel Vizoso. A obra inclúe tamén tres cancións.